Leite e queixo

O outro día falaba cun amigo dos nosos recordos escolares, cousa normal chegados xa a unha idade na que un anda a contar cousas. Os dous fomos a escola do “Pósito” e tíñamos como mestre a Don Manuel López, de grato recordo. Eu non reunía os requisitos para estar alí, pois non tiña vínculos directos con familia mariñeira, pero meu pai era moi amigo do mestre e este aceptoume. No noso percorrido pola conversa fixemos parada nun episodio que nos deixou pegada: a leite e o queixo que o mestre repartía entre o alumnado, leite pola mañá e queixo pola tarde. Aquilo formaba parte dunha axuda que os americanos facían aos seus amigos aliados. Chegouse a dicir que era parte do chamado Plan Marshall, pero non é de todo certo. Os EEUU deron axuda económica aos países aliados que quedaran devastados pola II Guerra Mundial. España non estaba entre eles e ademaís  Franco admiraba a Hitler e a Mussolini. Foi máis tarde, en vista do anticomunismo do réxime franquista, cando os EEUU deciden outorgar, aló polo ano 1953, unha axuda con excedentes alimenticios á mal nutrida infancia española, e ai entran a leite en polvo e o queixo que nos daban na escola. Unha leite que, coma di Manuel Rivas nun pasaxe da súa obra “Os libros arden mal”, tiña un sabor amarelo e un cheiro especial. Os nenos non entendiamos o da leite en polvo tendo ao noso derredor tantas vacas. Pero o que si de verdade era amarelo e salgado era o queixo, que viña nunhas latas redondas e que moitas veces remataba nas fauces do can de don Cirilo, o médico que vivia pegado á escola, que nos esperaba dándolle ao rabo e coa lingua de fora a que saíramos en tropel co queixo na man. 
A nosa escola creada para que os fillos dos mariñeiros se prepararan para as futuras labores do mar, funcionaba a finais da década dos 50 baixo o ditado do réxime. O mestre levábao con bastante discreción, sen atisbos de adoutrinamento e os nenos eramos felices lendo aventuras de homes que loitaban contra as adversidades aló polos procelosos mares, e descobrindo os nós mariñeiros. Non sei se aquela leite en polvo e aquel queixo amarelo e salgado serviron para facernos máis fortes, tal vez, pero o que si é certo e que deixaron pegada no noso imaxinario infantil, tanta que logo de pasados moitos anos, seguen na nosa memoria xunto aquela cociniña na que o mestre quentaba a auga para facer o leite e aquelas latas amoreadas nun banco cheas de queixo amarelo e salgado. E os sabores...aqueles sabores! 
 

Leite e queixo

Te puede interesar