Investidura

Afrustración, cando esperamos algo positivo dos políticos, non ten límite: proba diso o espectáculo ofrecido na sesión de investidura doutro día. Mentres a cidadanía seguíamos co dedo na boca tirando do imaxinario biberón eles deambulaban por camiños inescrutables. Menos mal que aí están as hemerotecas e videotecas para quen desexe botarlles un vistazo. Resulta dificil entender como o candidato a presidente pedía a abstención a Cidadáns e ao PP no tempo que negociaba con Podemos cando hai tres anos el fora o adail do  “non é non” e deixara a súa acta de deputado para non seguir a disciplina do seu partido e votar abstención cando o aspirante era Rajoy. Mentres U. Podemos teimudo seguía insistindo nun goberno de coalición con representación ministerial proporcional. Unha escenificación perfecta da falta de entendimento que sempre caracterizou á esquerda e que se converteu nun estigma na politica do noso país. Para chegar a consensos hai que falar e non improvisar a última hora como semellaban facer no Parlamento o outro día. ¿Que Podemos pedira algo a cambio? Natural ¿ou o candidato pensaba que lle ían outorgar un SI pola súa cara bonita? Pero unha cousa é pedir algo e outra ben distinta acadar os ministerios que solicitaban. A imaxe que deron Pedro Sánchez e Pablo Iglesias cos seus tira e afrouxa foi de absoluta disensión e todo apunta  que imos abocados a unhas novas eleccións denantes de que remate o ano cousa que, coma cidadán de a pe, me parece que non é nada recomendable nin penso que o sexa para a política en xeral pois logo do espectáculo ofrecido polos seus representantes na última escenificación teatral no Parlamento intúo que haberá pouco ánimo de visitar os colexios electorais nesa suposta convocatoria. ¿E despois qué? Sen dúbida haberá sesudos politólogos que darán explicación a todo este dislate, seguramente existirán razóns que xustifiquen estas actitudes que a min, logo de papar  horas de discursos e propostas, parécenme un disparate, e como non estou pechado en militancias inquebrantables, espero que os argumentos dos expertos nesta materia me convenzan ou polo contrário me reafirmen do desatinado da situación. Creo que a cidadanía fixo xa o seu traballo cando fomos a votar, agora era a quenda dos nosos representantes que ao día seguinte da fracasada investidura tíñanse xa que se poñer a traballar para resolver a papeleta denantes de setembro e se é preciso sen vacacións: o descanso para quen o traballa. Abofé.

Investidura

Te puede interesar