Foi un 27 de xaneiro

Nunha mañanciña fría, como as seis e media do 27 de xaneiro de 1938, cando o sol aínda non saíra, a Amada García e a sete compañeiros sacábanos das súas celas e fronte a un muro do castelo de San Felipe cumpríase o aberrante procedemento do seu fusilamento logo dunha paródia de xuízo que só serviu para lle dar forma de legalidade a un vil asasinato. Ben, esta historia é o suficentemente sabida e profundamente pescudada polos historiadores como Bernardo Maiz que escribiu un libro moi interesante e clarificador sobre aquel triste e execrable suceso, asi que non vou insistir no xa coñecido e si facer unha reflexión agora que se cumpren 82 anos daquel feito.

O asasinato de Amada García e dos sete compañeiros non son efectos colaterais dunha terrible Guerra Civil. En Mugardos non houbo guerra, non se produciron disparos, agás unha pequena refrega no Pazo do Piñeiro por mor dunha pretendida requisa de armas na alborada do golpe de estado: aos dous días de producirse a sedición a vila xa estaba en mans dos “nacionais” e o que viría despois foi froito en grao sumo do máis execrable da condición humana: do odio, das envexas, do fanatismo político e relixioso (non esquezamos o caracter de Cruzada que o ultracatolicismo lle dou ao golpe). Así as cousas o terror acadou a máxima expresión entre veciños que convivían aparentemente en paz malia as lóxicas diferenzas ideolóxicas. “Nunha guerra civil é preferible, logo da ocupación dun territorio, facer unha limpeza sistemática a unha rápida derrota do enemigo que deixe ao país infectado de adversarios” (F. Franco dixit) E o terror aplicouse sistemáticamente.

Amada García, polas circustancias que rodearon o seu fusilamento, converteuse na icona dos represaliados da comarca, o mesmo que o foi Mariana Pineda en Granada no século XIX na Década Ominosa no reinado do absolutista Fernando VII e o mesmo Federico García Lorca na mesma cidade en agosto de 1936. Son personaxes que quedaron gravados na memoria colectiva e neles conflúen todos os represaliados, ningún anónimo, todos con nomes e apelidos moitos deles aínda perdidos polas cunetas do noso país. Amada García, Mariana Pineda e Federico García Lorca son todos e a todos debemos devolverlles a honra deixando atrás a ira e o resentimento, única reparación moral para conforto das súas familias. 

O 27 de xaneiro recordamos a Amada García, aos case cen veciños de Mugardos e a moitos maís de Ferrolterra “paseados”. ¡Nunca máis e honra haxa para eles! Abofé.

Foi un 27 de xaneiro

Te puede interesar