Exponav e a música

Que boa idea a de celebrar un aniversario con música: isto foi o que fixo Exponav, o excelente museo da construcción naval que cumpría o seu décimo cabodano nun ateigado Auditorio. Para celebralo, xunto coa Sociedad Filarmónica organizaron un atractivo concerto a cargo da Real Filharmonia de Galicia cun só protagonista invitado: Haydn, o que fora considerado o pai da sinfonía. A presenza de personaxes que non son habituais nestes eventos e a gratuidade deron ao concerto un caracter singular, como especial foi a interpretación da Real Filharmonía participando na festa cun selo de certa orixinalidade. Converteuse unha pequena orquestra ou máis ben nun amplo grupo de cámara dirixido, sen necesidade de batuta física, polo concertino James Dahlgren sentado formando parte do conxunto. O concertino cun leve movemento daba a introdición e o resto da orquestra, con exacta sincronía, facía o seu marabilloso traballo. Non vou falar de Haydn que está na historia da música a disposición de calquera que teña curiosidade e si, coma case sempre fago, comentar as impresións que me provoca a súa música encargada por ilustradas familias relacionadas coa realeza. O músico era un empregado do pazo, coma un funcionario ao servizo da casa. Escoitando á Real Filharmonia viñan a miña mente as libreas, os pantalóns a media perna, as medias, os zapatos con evilla e as pelucas empolvadas e esta música palacega, para marcar distancias, unha música que nunca chegaba aos estratos sociais más baixos porque estaba deseñada para a corte. En calquera caso marabillosa e iso quizáis sexa o único que lle debemos agradecer as monarquías porque malia o desexo esclusivista dos cortesans foi penetrando pouco a pouco nos súbditos. E aínda estamos nese proceso lento dando pasos importantes, decisivos e decididos para deixar de ser súbditos e gozar noutros foros desta música cortesana por natureza.
Cando Ferrol comezaba a ser cidade ilustrada, había plantes e protestas na música: a sinfonía nº 45 foi composta por Haydn para protestar pola prolongada estadía dos músicos na residencia de verán do príncipe. No último movemento os músicos pouco a pouco abandonan a escena ata deixar só a dous violins. A Real Filharmonia representou dun xeito teatral ese momento de rebeldía. Felicidades a todos e dun xeito especial a Paulo Gaio Lima que estivo excelente no concerto para violoncelo nº 1 en do maior. E a semana que ven, unha sorpresa.
 

Exponav e a música

Te puede interesar