Estamos de acordo?

Andaba eu o mércores   paseando polo muelle e atopeime coa alcaldesa e a edil de Cultura da miña vila. – Xoán, desde hai uns catro anos xa está publicada explicitamente a receita do polbo á mugardesa ( leeran a miña “Mirada” do pasado domingo). – Pois non sabedes o que me alegro  e máis se a festa deste fin de semana serve para afianzar a súa reivindicación. Efectivamente, semella que hai acordo respecto aos  ingredentes do polbo  á mugardesa, este guiso  tan peculiar e xenuínamente noso: pimento verde e vermello, cebola, un par de dentes de allo, pataca, viño branco, aceite de oliva e pimentón doce cunha pisca de pimentón picante. Polo menos isto é o que anda publicado por aí e a proporción vai depender de quen o cociñe. E, claro, o polbo ( se pode ser da ría) que haberá que cocelo co mimo requirido como facían aquelas cociñeiras, e digo cociñeiras porque sobre todo eran as mulleres as que mantiveron esta tradición seguindo a recomendación da señora Neves que nos albores do século XX dou co xeito deste guiso saboroso. Mugardos e o polbo van xunguidos e desde hai XXIX anos celebramos unha festa de exhaltación deste animaliño que ben podería figurar no escudo da vila xunto a estrela e as dúas coroas.

Desde hai uns días un polbo xigante luminiscente preside a xeito de emblema a entrada ao paseo marítimo dando a benvida a todos os que nos visitan, e namentres estou escribindo esto nótase xa o comezo dun balbordo pola rúa cunha animada charanga que vai poñendo notas de troula ao que está por chegar. Na punta do muelle, no chamado parque da Constitución, unha inmensa carpa será o abeiro para todos aqueles que desexen probar o emblemático prato; xa están a piques de abrir as billeteiras e comezar a tradicional e monumental xuntanza culinaria. A vila de Mugardos  vai ser “raíña por un día”, ou máis ben por unha semana porque a festa continúa. E falando de festas teño que manifestar que o programa deste ano está francamente ben estructurado, configurando un abano de actos para todos os gustos, así que non me queda outra que felicitar aos responsables desta programación que poñerá perante toda esta semana a Mugardos coma punto de referencia no aspecto lúdico e culinario. Dámosvos a benvida e procurade pasalo o mellor que poidades. Mugardos non é vila de paso, hai que vir aquí así que vaiamos na procura de poñer os cimentos para que todo o ano a vila sexa atraente. Estamos no bo camiño. ¡Ah, e que aproveite o polbo! Abofé.

Estamos de acordo?

Te puede interesar