Estamos a salvo?

Unha pandemia non se vai así como así, con vento fresco. Algún dos virus que as provocan veñen para quedarse por un tempo entre nós e xa que logo non temos máis remedio que aplicarnos en saber vivir nesta indesexable compaña na procura de manter con eles un trato distante. Estamos facendo o posible? Pois hai de todo. Houbo unha “pandemia perfecta” polos seus tremendos efectos devastadores: a mal chamada “Gripe Española” de 1918  cuxo  segundo rebrote foi letal ao provocar entre 1918 e 1920 máis de 30 millóns de mortos, moitos máis ca primeira guerra mundial recen rematada. Foi un fatal colofón a aquela contenda  máxime cando a meirande parte das vítimas, case todas por pneumonía, estaban entre os 20 e 40 anos.

Curiosamente as recomendacións que as autoridades sanitarias daquel tempo emitían eran practicamente as mesmas que nos dixeron arestora co covid-19 principalmente o esmero na hixiene persoal ( lavado frecuente das mans) que viña a ser un acto de responsabilidade individual ao que neste momento se está a recorrer ao non existir vacina, cousa que tardará en aparecer e que non vai ter, con toda seguridade, efectividade ao cen por cen, como tampouco a teñen as vacinas contra a gripe estacional. Pero tendo en conta isto, tampouco convén entrar en pánico e si adoptar as medidas individuais para andar na procura de que o virus non se propague, e moitos non o fan actuando coma se aquí non pasara nada.

A aparición de brotes é normal dentro da evolución dunha pandemia destas características e sen dúbida haberá máis contaxiados pero o aconsellable é paliar na maior medida os seus efectos poñendo cada un a parte que lle corresponda nesta encomenda.

Estamos logo a salvo? Non,  ata que o virus nos deixe, pero si estamos máis preparados para tratalo nos posibles brotes que se poden presentar nun futuro. Estamos en contacto con infinidade de virus e xa o estivemos con varios covid así que este c-19 pasará pero virán outros e teremos que aprender a tratalos: todo isto forma parte da eterna loita do ser humano contra os elementos patóxenos que nos rodean.
Así que paciencia e a poñer o noso ladrillo que non fará muro de contención pero axudará aos outros tixolos a construílo. Coidémonos si, pero non nos esquezamos de coidar tamén á natureza, á Terra, xa castigada de máis, porque non temos outra.  Aí pode estar a clave, aí.

Estamos a salvo?

Te puede interesar