Encontro no Instituto

Antonte comezou o curso para os alumnos de secundaria e a dirección do Instituto da miña vila convidoume a impartir o que se chama “ a lección inaugural” nun salón de actos ateigado de rapazas e rapaces  que,  escudriñandome coa miarada, me provocaron un certo medo escénico por aquilo de non ter claro como ían reaccionar diante da miña exposición  verbal e musical.  Estiven encantado de aceptar o reto e  moi contento co resultado. O tema proposto era contarlles a miña experiencia no tempo en que era estudante e como foise canalizando a miña rebeldía xuvenil a través da canción galega.  A experiencia para min resultou moi edificante porque era a primeira vez que me dirixía a un auditorio tan novo e o atractivo  estaba precisamente en como ían reaccionar diante dun tema como  a xestión dunha rebeldía que no meu caso estaba fora das regras do xogo democratico, con censuras, prohibicións e manobras coercitivas. Agradézolles de corazón a toda a mocidade que estaba na sala a súa boa predisposición e o seu exquisito comportamento perante o meu relatorio e logo coa  musica malia non ser precisamente esta a que eles controlan porque entre outras razóns cando xurdiron estas cancións ningún dos mozos e mozas que estaban aí tiñan nacido e os seus pais posiblemente terían a idade que eles teñen agora. Quizais por estar o meu relatorio fora do seu tempo e mesmo  tamén os temas musicais, á mocidade de bacharelato resultoulle todo isto novidoso. Case sempre o invitado a estes actos acostuma ser un exestudante brillante deses que coleccionan matriculas de honra e participa para animar a que os demáis segan os mesmos pasos. No meu caso, nada máis lonxe da realidade, ou mellor dito, desta realidade.  Fun un estudante de bacharalato normal que logo tivo a sorte de facer outras cousas. De todo isto falei á xente nova que inauguraba curso académico, do pouco o nada que podíamos participar nas clases, do dificil que resultaba camiñar polo sendeiro da censura, dos permisos gobernativos que había que solicitar para organizar calquera evento, da sorte que  teñen arestora por non se atopar con estes atrancos, do camiño que aínda queda por percorrer e da necesidade de que sexan críticos cos que mandan porque estes, embebedos de mandato, teñen tendencia a mandar máis da conta sobre as nosas vidas e facendas. Foi un encontro matinal sumamemte edificante para min. Eles mañá comezan tempo de traballo e convivencia. Que todo lles vaia ben.
 

Encontro no Instituto

Te puede interesar