Eleccións e pandemia

Vaise falar moito estes días na campaña electoral marcada pola “nova normalidade” da pandemia e da incidencia que esta tivo na nosa terra, pouca comparada con outras autonomías, e xa verán como algúns intentarán rendibilizar isto como unha axeitada xestión da crises sanitaria sen ningún indicio de autocrítica, negando recortes e aplaudindo a labor dos sanitarios. En todas as eleccións acontece o mesmo: unha retórica baseada en recitar unha lista de boas intencións que a cidadanía escoitou xa por activa e por pasiva noutros comicios, a mesma letra dunha canción esta vez co covid-19 polo medio. Todos din ter a variña máxica que vai por solución á crises sanitaria e a económica que ven detrás.

E lánzanse á piscina sen flotador sen reparar en nada con tal de pescar votos incluso nas grandes desgrazas como é o caso desta pandemia pola que estamos transitando. Cargar a responsabilidade de miles de mortos a un goberno semella unha indecencia monumental. Outrora non tiveron tampouco reparo en tratar de manipular o atentado máis grande que sufriu España con tal de acceder ao poder botando man da mentira máis abxecta, do todo vale no canto de debater ideas afastándose do insulto e do oprobio xeneralizado. 

Dentro duns días decidiremos cal vai ser o goberno de Galicia perante os seguintes catro anos, unhas eleccións atípicas dentro da pandemia, e xa verán o exercicio de manipulación: vaise falar da boa xestión do actual goberno galego e do bo funcionamento da nosa abnegada sanidade, segundo algúns, nada recortada . Por suposto todo o malo que acontece fora da nosa contorna, incluída a desfeita sufrida na Comunidade de Madrid, débese fundamentalmente á mala xestión do goberno de coalición, como non. A culpa das desfeitas sempre é dos outros.

Eleccións e pandemia van xuntas da man nesta “nova normalidade” que a min, dito sexa de paso, non me gusta nada. Ao marxe de gustos o caso é que debemos ser disciplinados nas normas aínda que non sexan do noso agrado. ¿A quen lle gusta andar con máscara? Hainas para todos os gustos: algunhas xa marcan tendencias. Polo pouco que se sabe do covid-19 din que se manter coa cara tapada é a única solución xunto a hixiene e andar co metro na man e quen sabe ata cando estaremos así.

Pero miren por onde a máscara pode ter unha dobre función: protexernos contra o virus e facer de filtro diante das falsas promesas que a cotío escoitaremos estes días de campaña electoral. Poñamos pois a máscara, a de máxima protección.

Eleccións e pandemia

Te puede interesar