A demonización do diesel

Polo escoitado ultimamente e como usuario dun coche que usa combustible diesel, fanme sentir un terrorista medioambiental pendente de realizar acto de constricción pola salvaxe agresión que lle estou a inflixir á natureza. Quero pensar que todo o que se está a manifestar ao respecto é un exercicio gobernamental de maquillaxe feito como quecemento para abordar logo cousas de maior trascendencia. Enténdaseme ben, non quero dicir que a preocupación polo medio ambiente non sexa cousa trascendente, lonxe de min a funesta idea de pensar iso, pero o ataque que arestora se lle está a facer ao diesel paréceme desmesurado tendo en conta outros axentes máis contaminantes aos que nin se lles fai caso. Detrás de todo isto quizais ronde a sombra alargada de intereses económicos para sacar partido. Outros provocan máis contaminación que o diesel. Podemos poñer algún exemplo. Pasemos ao transporte aéreo. Nunha hora de vó, un avión de dous motores pode consumir 2.700 litros de combustible ( queroseno que procede da destilación do petróleo). Calculamos cantos avións andan por aí arriba as 24 horas do día? Un informe recente di que nos EE.UU as emisións de gas invernadeiro procedente da aviación incrementouse nun 87%. Espero que ningún representante do goberno deses que tanto se preocupan de nós, da nosa saúde e a do planeta propoña un imposto cominatorio ao queroseno ou suxiran aparellos híbridos. En serio, xa houbo proposta de disminuir o transporte aereo polo seu alto índice de contaminación. Por outra banda calcúlase que a incidencia dos coches na emisión de particulas contaminantes é dun 13% . O 87% restante débese a outros factores como por exemplo as grandes industrias (enerxéticas, químicas, metalúrxicas, etc) que pagan multas irrisorias para seguir contaminando. O castigo en forma de imposto “disuasorio” ao diesel e o anuncio de que ten os días contados semella cousa decidida malia que os motores diesel son recoñecidos coma unha tecnoloxía moi eficiente. Non sei que farán cos trens que se moven con diesel, os camións, as centrais termoeléctricas, a industria textil, a máis contaminante do planeta, etc. Pero o obxectivo é o diesel e os usuarios que teñen coches diesel que son moitos. Cando acaben con eles dirán que os eléctricos son mellores e poñerán enchufes onde hai gasoliñeiras, tomas eléctricas a esgalla que cargarán baterias que acabarán tamén contaminando. En fin, xa veremos en que acaba todo isto.

A demonización do diesel

Te puede interesar