De himnos e letras

inguén pon en dúbida que hai músicas para todas as ocasións: algunhas lévanos ata a paz máis sublime e outras condúcenos directamente cara as máis cruentas batallas. A música sempre presente, acompañando a letra da nosa vida para convertela en canción.
Os himnos nacionais están coas bandeiras para tratar de xuntarnos nunha identidade colectiva cousa que unhas veces conseguen e outras non . Vivín un 4 de xullo nos EE.UU . alí vin que todas as casas tiñan un  mastro coa bandeira das barras e estrelas, que son devotos do himno e cántano  á primeira oportunidade que se lles presenta. É unha maneira de ver a vida, abofé.
As letras son as que poden esnaquizar a cousa. Os textos dos himnos case non hai por onde collelos. O de EE.UU. fala de “bombas que estoupan no aire, de bandeira que ondea no fogar dos valentes, que se debe conquistar cando a causa sexa xusta”, etc. Da Marsellesa nin lles conto: “A tiranía alza o seu sanguinolento pendón, ven a cortarlle o pescozo aos nosos fillos e compañeiras, ¡ás armas cidadáns, que a sangue do inimigo anegue os nosos regatos”...en fin. O italiano fala de que “estamos preparados para a morte e unidos por Deus ¿quen nos pode vencer? E así un longo etc.
O himno español tivo moitos candidatos letristas e Pemán estivo a pique de levar o seu gato á auga. Afortunadamente non foi así. Decantouse con descaro pola causa franquista e cambiou algún parágrafo do seu orixinal: onde dicía alzar a fronte puxo alzar o brazo e onde falaba de “Yunques y ruedas” cambiouno por xugo e frechas e... así non. Ata o Sabina, quen o diría,  probou e mesmo Marta Sánchez cun texto edulcorado ata máis non poder. O mellor é o “lo,lo,lo,lo” que non fai alusión a nada e a ninguén. Preferible os himnos sen letra e os que estean inspirados en poemas como o de EE.UU ou mesmo o noso  himno galego  mellor cantar as estrofas menos ofensivas: non é necesario usar todo o poema completo, digo eu. Ademais  agradécese que os himnos sexan breves pois como di o refrán: “o bo se breve, dúas veces bo” .
Pondal, no seu poema “Os Pinos” di nunha estrofa: “ máis só os ignorantes/ e féridos e duros/ imbéciles e escuros/ non nos entenden, non/. Pois sinto discrepar co noso egrexio e admirado bate: aqueles que non van por onde nós imos non son necesariamente ignorantes nin imbéciles nin escuros. Pode que un pouco desleigados si ¡eh! e podémolo deixar aí  sen ir máis lonxe. 

De himnos e letras

Te puede interesar