Currículums e másteres

Hai que ver o que está dando de si o asunto do master de Cifuentes, cousa que non tería tanta repercusión se a protagonista do fraude non fose unha persoa tan influínte coma a presidenta da Comunidade de Madrid. En calquera caso un fraude é unha falsidade, unha trampa, mire por onde se mire e neste caso concreto hai unha entidade oficial que o comete, a URJC e unha persoa que se aproveita, e ambas deberían asumir as consecuencias de este engano. Ao longo destas dúas semanas dixéronse un montón de barbaridades tentando cubrir as costas á benficiaria do chanchullo, todas inasumilbles porque diante da abrumadora evidencia pouco ou nada pódese dicir que favoreza á protagonista deste desaguisado.
Un curriculum pódese trampear e se non se pide acreditación non soe pasar nada, pero un master ten un percorrido administrativo que deixa rastro: matrícula, asistencia a clase, exámenes e defensa do TFM, esto último condición imprescindible para obter a titulación. Pois ben, semella que a señora Cifuentes só se matriculou, tres meses tarde, iso si, pero dos seguintes tramos non hai nin rastro. Acreditacións reconstruídas á medida do fraude, sinaturas falsas, cualificacións inventadas e un rosario de despropósitos que nos levan a pensar que non houbo master, que lle regalaron unha titulación pola cara, por ser quen é, así de sinxelo.
Sen chegar a exaseración dese deputado inglés que dimitiu por chegar dous minutos tarde a unha sesión parlamentar, en dona Cristina conflúen motivos suficientes para que se vaia sen dilación se é que, logo do acontecido, aínda lle queda un mínimo de honradez e dignidade. Din que a universidade vai expedientar a aquelas persoas que participaron neste fraude indecente e alguns profesores e administrativos terán que asumir responsabilidades. A ver. Pero a señora Cifuentes non da seu brazo a torcer e pretende seguir no seu cargo arroupada polos seus compañeiros de partido ata que M. Rajoy se manifeste. Apañados imos.
Parece mentira que un caso coma este manteña a todo un país en vilo co fácil que sería resolvelo dun plumazo sen provocar efectos colaterais. Pero non, a táctica empregada é meter tempo polo medio e que se vaia diluindo o cabreo do persoal, persoal que arestora desviou a mirada e centra a sua atención no penalty ese que colocou ao R. Madrid en semifinais. E así nos vai entre fraudes descarados. Asegúrolles que a min me pareceu máis penalty o cometido por Cifuentes que o que lle fixeron a Lucas Vázquez. Abofé.

Currículums e másteres

Te puede interesar