Contaminación

Onte e antonte unha chea de nenos e nenas na compaña dos seus profesores baixaron á ribeira da miña vila co gallo de facer limpeza nun acto significativo no que atinxe a crear conciencia na mocidade do importante que é o coidado da natureza. Incrible o lixo que recolleron entre o que había unha cantidade significativa de plásticos. Os plásticos sen dúbida representan unha séria ameaza para o medio ambiente: os oceanos están cheos desta materia que necesita centos de anos para se desfacer “motu propio” e cada vez os seres humanos depositamos na mar toneladas de plástico; e aquí está o quid da cuestión: que os plásticos non van sós ao mar, necesitan de alguén que os deposite aí, por iso si é verdade a necesidade de se comprometer na limpeza da mar no é menos certo que é preciso ter conciencia da importancia de non tiralos aí e de contar con centros de destrucción e reciclaxe. Mentres esto non aconteza seguiremos a facer limpezas simbólicas deste producto cada vez máis presente.
Pero estes árbores de plástico, malia seren causantes de parte importante da suciedade ambiental, non nos deixan ver o bosque tremendo da contaminación que de cotío nos rodea. ¿Sabedes por exemplo canto contamina un cruceiro, eses enormes barcos de pasaxe que poden embarcar a más de duas mil persoas? Pois un só o equivalente a 14.000 automóbiles. Algunhas cidades costeiras están estudando a posibilidade de restrinxir a entrada nos seus portos destes hoteis flotantes que producen cantidades inxentes de óxido de nitroxeno e cuxas emisións de CO2 resultan mil veces superiores as que produce un viaxe en tren. Por non contar os residuos, o lixo, que xeneran co impacto medioambiental que isto supón. ¿E os avións? Nun voo de dúas horas un avión consume 6.000 litros de queroseno cunha producción tremenda de dioxído de carbono. Pensade na cantidade de avións que andan por aí enriba e a cousa é como para asustar. Curiosamente o transporte marítimo e o aereo quedaron fora do protocolo de redución de gases invernadoiro. ¿Será este o carísimo imposto que temos que pagar polas “comodidades” de vivir como vivimos? Pode ser.
Mentres o turismo de cruceiros segue crecendo, voan cada vez máis avións e as fábricas contaminan cada día a esgalla sen reparo, por aquí andamos cun imposto ao diesel, pensando en prohibir o mercado de palliñas para refrescos, bastonciños dos ouvidos, bolsas de plástico nos supermercados, etc, medidas que poden axudar pero... non son optimista, non.

Contaminación

Te puede interesar