Coa emoción a flor de pel

A semana pasada aludía na miña mirada ao premio José Couso de Liberdade de Prensa e a risco de ser monotemático e por unha vez sen que serva de precedente, coa emoción a flor de pel voume referir ao acto central da entrega do devandito premio, un evento importante acontecido na cidade o día 3 no que se conmemora o día da Liberdade de Prensa aínda que algúns non quixeron enterarse.

José Couso, o cámara ferrolán, morreu mentres facía o seu traballo cubrindo a guerra de Iraq no ano 2003 cando un tanque do exército norteamericano disparou contra o Hotel Palestina de Bagdag, centro no que se instalaban os xornalistas, seguramente coa intención de matar ao mensaxeiro, e matáronno. Ao ano seguite o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol deciden crear un premio co nome de José Couso, un premio que recoñecera aos xornalistas que traballan a prol de ofrecer unha información verdadeira, de contar o que realmente acontece. Xa van XV edicións e nesta última o premio recaeu no colectivo DefendeAGalega que levan un ano, semana tras semana, reivindicando unha mellor información nos medios públicos, e teño que decírvos que nesta ocasión a emoción flotaba no ambiente do teatro coma nunca aconteceu; foi desas noites máxicas que sen saber cómo nos fan sentir plenamente identificados cos premiados. Cando Rebeca, a presentadora, aparece no estrado e comeza a falar xa anuncia por onde van iren os tiros: directos á diana, que Patricia Hermida se encarga de furar con máis impactos no centro da mesma co seu manifesto no que fai unha defensa plena do papel da muller na prensa denunciando as condicións coas que se atopan no desepeño do seu traballo. Estupendo alegato. Suben ao escenario Tati Moyano e Carlos Jiménez e seguen co guión na defensa dunha información que a cidadanía galega se merece pero que desde os medios públicos galegos non llela dan. Cando Tati levanta ao ceo do teatro o trofeo “As Ceibes” deseñado por Manuel Patinha e expontáneamente o público pónse de pe aplaudindo e clamando ao unísono ¡ defende a Galega, defende a Galega!, a emoción acada a súa máxima expresión e ata o alcalde súmase na súa intervención subido a ese carro reivindicativo tirado por corceles negros. O grupo O Petit Swing”puxo a música axeitada en clave de jazz, unha música que é representativa da liberdade de expresión, perfecta para poñer colofón a un acto na defensa desa liberdade. Un final perfecto para un acto perfecto sen paliativos. Abofé.

Coa emoción a flor de pel

Te puede interesar