Chegan os Reis

Pois si, un ano máis e xa van un montón, chegan os reis e con eles agasallos múltiples para todos os nenos que se portaron ben. 

Esa tradición, converteda en dogma data do século VI que é cando se comeza a falar dos reis sen se poñer moi de acordo en cantos eran, que si dous, tres, e incluso chegouse a falar de doce. 

Non son especialista en nada e menos nestas cousas nas que a fe xoga un papel decisivo pero si son curioso e a curiosidade lévame a remexer nas que o mesmo era mellor non revolver. 

Lembran o “belén” que se montou cando pasaron a sábana santa polo C14? Resulta que esta proba mantiña que ese pedazo de tela pertencía á Idade Media pero a igrexa resolveu o tema como era lóxico e natural: dicindo que o carbono 14 se equivocaba e xa está, asunto resolto. 

O importante é que a xente acuda a Turín a contemplar a mortalla o mesmo que se achega a Santiago sen que se teña certeza de que alí estea o apóstolo soterrado. Tanto ten, o importante é todo o que veu despois. E cos tres Reis Magos (sacerdotes eruditos din que eran) pasa o mesmo, unha lenda belida que se converteu en dogma católico e xa está. 

Para que darlle voltas si eran dous, tres ou unha ducia, que si representantes das tres razas que no século VI se coñecían, que si o ouro, o incienso e a mirra que si patatín e patatán. O caso é que están ai dende hai séculos para maior gloria dos “cortes ingleses” das xugueterías e bazares chineses que tamén surten a Santa Claus, Papá Noel ou San Nicolás e en certa e menor medida ao noso modesto Apalpador que o mesmo algún día conviría falar del un pouco en serio.

Cando eu era moi pequeno sofrín a decepción de descobrire ao meu pai na manobra de montar un tren na alfombra da miña habitación, paso a paso, co dificil que debe ser facer algo así na escuridade. 

Seguín o guion, mativen o segredo, finxín todo o que puiden finxir pero xa non fixo falta que os “listos” da escola me dixeran que os reis eran os “pais”: disimulei tamén con eles.

Ao fin de contas en que consiste todo isto? Mentres un vive na bendita inocencia en manternos inocentes, en facernos crer en cousas e feitos inverosímiles que prevalecen connosco dende a noite dos tempos.

O da Noite de Reis é algo moderno pois foi a partires do século XIX cando en España se establece esta data imitando o que se facía o dia de Nadal con San Nicolás que tamén traía agasallos para os nenos. Pero reitero que é o importante?: pois que os nenos sexan felices e os reis (os pais) tamén. Pois iso. 

Chegan os Reis

Te puede interesar