Axexan os peores augurios?

Aquí estamos de novo logo de pasar polo deserto dun confinamento de tres meses tratando de xestionar o tempo e a paciencia que as veces semellaba esgotarse pero non hai mal que cen anos dure e xa estamos metidos na chamada nova normalidade que de normalidade non ten nada, ou ben pouco: mellor sería chamala “relativa normalidade”. Polo visto imos tardar en dar con aquela de outrora que deixade a ver se imos estrañar mais do previsto.

Baixamos da pandemia por fases ata saír do denominado estado de alarma. Pero realmente xa non hai alarma? Xa pasou todo o pesadelo que supuxo estar confinado perante tanto tempo e escoitar día tras día partes que semellaban de guerra con tanto ferido e tanta baixa? En puridade creo que non.

Axexan os peores augurios porque a industria do turismo, a nosa principal industria e xa que logo fonte de ingresos apertou o seu co gallo de acelerar a fluidez do diñeiro, cousa que está ben pero non a calquera prezo. 

Coa apertura das fronteiras chegará moita xente de fora a mesturarse coa de aquí nos lugares onde se concentra a movida turística enchendo praias e chiringuitos comprando o que mellor sabemos vender: sol, areais e locais de tapas e movéndose dun lado para outro. Será suficiente con tomarlles a temperatura e dicirlles que usen a mascara? O caso é facer algo para deixar claro que algo se fai. Aos ingleses e alemáns os recibiremos cun termómetro pero calquera español que vaia a Inglaterra ten que anunciar a dirección onde deberá pasar corentena (dúas semanas) Hai quen entenda isto?

Pero non botemos a culpa só aos turistas de traer consigo os augurios de máis contaxios porque no conxunto dos nativos haiche moita tea que cortar. 

Non hai máis que ver os desmandos de certos grupos para os que as normas non existen, non só nesta relativa normalidade senón que a desobediencia ven xa das sucesivas fases do descenso da curva da pandemia actuando como se aquí non pasase nada.

Espero que os novos brotes infecciosos nos collan previdos, máis preparados, espero que á sanidade pública, a parte de estimulala con aplausos, se lle dote de persoal e de material preciso porque a atención sanitaria é un dereito da cidadanía non un agasallo de ningún goberno, espero que aos anciáns se lles trate coa debida consideración, espero que este país teña industria, produza e sexamos competitivos, en fin espero escoitar todas estas promesas na campaña electoral que arestora comeza pero... non me creo nada. 

Axexan os peores augurios?

Te puede interesar