Aquelas festas

Houbo un tempo no que na miña vila a vida transcorría paseniño, sen grandes sobresaltos  e a xente nisto da diversión movíase nuns parámetros xa definidos sen saírse moito do guión. Por exemplo en Mugardos ir ao cine a calquera das dúas salas era unha opción,  sábado, domingo e xoves. Entón non chegara aquí a televisión que inflixiu unha ferida de morte ao cinematógrafo na vila. E a outra alternativa eran as festas do patrón San Xulián, en pleno inverno e a do Carme no mes de xullo. Ambas as dúas esperadas por todos con alborozo. Palcos de madeira que abeiraban a aquelas orquestras, a “Iris”, con algún músico de Mugardos ou a “Lamas La Piña” que amenizaban unhas verbenas onde a xente bailaba, vaia como bailaba! As mozas en parella e os rapaces entre a multitude  acudíamos tamén de dous en dous a pedirlles baile. Toqueciño no ombreiro: bailas? Si, pois que ben, non , que lle imos facer e a seguir probando sorte.  Eu, un tanto apoucado nestas lides, diante dunha negativa  víñame un pouco abaixo pero outros crecíanse nas dificultades e entre unha cousa e outra ríamos e pasábamolo ben namentres fuxían as  horas baixo un manto de bombillas de cores e bandeiriñas de papel. Eran festas nas que case todos participaban dunha ou doutra maneira avisados polos foguetes de Miguel “O Chincheiro”, elemento esencial no prograna  daquelas troulas. Ninguen lanzábaos como el: prendía a mecha e semellaba dirixilos ao ceo cun afago agarimoso. A miña avóa preparaba as mellores viandas coma por exemplo o polo “á pepitoria” que para min era coma un manxar de deuses.  A primeira hora da tarde as tómbolas comezaban co seu boreo caracteristico animando á xente vía altoparlante, outros xa facían cola diante da caseta de tiro intentando acertar a unha bandada de mondadentes cunha escopeta trucada. Cada quen pasabao ben con calquera cousa ata que chegaba a hora da verbena, punto álxido da festa: a modiño a xente achegábase a carón do palco e ao pouco xa había parellas bailando ao son da música da época, e así ata ben entrada a madrugada. E logo o silenzo, a praza deserta, os feireantes cos seus bártulos emprendían camiño cara a outras vilas  namentres aquí como dixo Serrat nunha das súas cancións :“ volvía el pobre a su pobreza y el señor cura a sus misas...” E así ata o ano que ven, deus mediante. Hoxe cambiaron algunhas cousas aínda que en sínteses  o tema é case igual. Pero das festas de arestora o mesmo falamos outro día.

Aquelas festas

Te puede interesar