Aquel 68 que tanto significou

u chegara desde o instituto á universidade nesa época. Na maioría daqueles estudantes de secundaria non había ningún síntoma de actitude reivindicativa que tiverse que ver coas ansias de liberdade e xa que logo co fin da ditadura. Iso é o que apreciaba un alumno coma min que saía un cuarto de hora antes da clase para embarcar na lancha de Mugardos e non tiña contacto cos compañeiros, fora das horas lectivas, ata o día seguinte. Así que chegaba a Santiago con certa carga de rebeldía pero lixeiro de equipaxe reivindicativo, ávido de atopar novas sensacións encadradas nesa autonomía vital que proporciona vivir só.
Ao pouco de comezar o curso víanse anuncios de asembleas nunhas e noutras facultades. O movemento estudiantil era solidario coas mobilizacións nas fábricas onde os traballadores loitaban polas súas condicións laborais e participaban en manifestacións duramente reprimidas . Quedaban uns anos de ditadura e estudiantes e traballadores xunguíanse nun mesmo obxectivo : acadar a democracia. En Francia estaba acontecendo algo similar que tivo o seu punto de inflexión en maio onde o movemento estudialtil provocou unha das maiores folgas que se recordan naquel país. Un dia acudin a unha asemblea que tiña lugar no paraninfo da facultade de Medicina e alí recibín o meu bautizo niso de recibir porrazos dos “grises”. Entraron na facultade e moléronnos a paus. O reitor definiu aos estudiantes revoltosos como “inmunda escoria”, do que falaría Ricardo Gurriaran nun dos seus libros. A partires de aí souben que era necesario participar no empeño de rematar con aquela situación de opresión e ignomínia. 
O 26 de abril ten laugar no paraninfo da Facultade de Medicina un recital dun grupo que baixo o epígrafe de “Voces Ceibes” ían facer historia usando a canción como vehículo reivindicativo. Pensei que aí podería estar a miña colaboración coa causa e axiña sumeime á función. A partires de aí souben, malia os paus recibidos naquela asemblea, o que era a represión vivida en directo. Ao abeiro do 68 xurdiron persoeiros que dalgunha maneira deixaron impronta coma o ferrolán Juan.M Solera o “Príncipe Galín” do que se dixeron moitas cousas algunhas delas esaxeradas, pero sen dúbida foi un personaxe que marcou tendencia e deixou fonda pegada.
Mañá virá ao Ateneo de Ferrol Ricardo Gurriarán, doutor en historia contemporánea, que tamén estaba alí, para falarnos daquel 68 que tanto significou para nosa xeración. Alí estarei.
 

Aquel 68 que tanto significou

Te puede interesar