Albino Mallo

heguei a Albino Mallo a través da rede social. Lía con interese o que escribía e mandeille unha mensaxe dicíndolle que me gustaría saudalo persoalmente. A volta de correo contestoume amosando tamén o seu interese en coñecerme, que vivía en Oleiros e que poderíamos quedar alí cando cadrase. Foi no mes de agosto de 2016.
E alá fun nunha tarde calorosa coincidindo coas festas da localidade. A rúa estaba chea de comparsas trouleando dun lado para outro, entrando e saíndo dos establecementos enchendo todo dun boureo incrible. – ¡Mal día para un encontro tranquilo!, pensei e dirixín os meu pasos cara ao lugar de encontro, unha cafetería fronte ao mar chea de xente. E alí estaba Albino sentado esperándome. A primeira impresión foi estar diante dun home que non representaba a idade que tiña: aparentaba menos tempo do que cargaba sobre as súas costas. Saudámonos e falamos e falamos.
Tiña diante a historia viva do xornalismo realizado a golpe de esforzo, de patear moitas redaccións , de escalar unha montaña de sendeiros difíciles cheos de trampas. Pero Albino Mallo chegara ao cumio como correspondente da axencia EFE polo mundo adiante , entrevistando aos personaxes máis significativos da época e como director de varias cabeceiras. Non había máis: Albino o percorrera todo.
Faloume sobre o nacemento da Nova Canción Galega e que seguira con atención aquela movida: díxome que lle gustaría convocarnos en Oleiros a varios músicos de diversas tendencias aos que ben coñecía e partillar conversa coa música coma eixo central da palestra. Pareceume unha idea estupenda e animeino a que se puxera a elo.
No transcurso da nosa parolada entregueille un número da revista “Ferrol Análises” e el, que tiña perante todo o tempo un libro na man, abriuno, púxose a escribir nel e acto seguido entregoumo. Era “Algo máis cun café: o Derby de Vigo 1921-1968” unha excelente crónica centrada nas paredes dun Café por onde pasaron un feixe de personaxes dunha época xa perdida.
Quedámonos en vérmonos doutra volta para seguir falando polo miúdo. Inviteino a vir a Ferrol, pero só saía de Oleiros para acudir a os concertos na Coruña pois era un apaixonado da música clásica.
Sorteando o bulicio das charangas subimos ao meu coche e deixeino na porta da súa casa. Desafortunadamente non houbo máis encontros. Agora sinto non ter tomado a iniciativa para precipitar o seguinte.

Albino Mallo

Te puede interesar