A morte digna

Tempus fugit. Omnes (horae) feriunt. Ultima necat. (O tempo fuxe. Todas as horas feren. A última, mata.  Tendo en conta esta obviedade poderíamos pensar que a morte é algo natural, ineludible e todos desexaríamos que, chegado ese momento, o trance fose tranquilo, sen dor. De poder elixir imaxino que preferiríamos isto: que cando a vida nos mate o faga tendo consideración de nós. Pero poderemos elixir?

Os que traballamos na sanidade estando en contacto directo cos enfermos sabemos ata que punto o ser humano pode sofrer dores insoportables nos instantes previos ao final da vida e ninguén, créanme, é merecente de pasar por ese calvario . 

Era perentorio que os profesionais da sanidade tivesen  no seu código deontolóxico, un novo apartado que recolla a maneira de facilitar e adiantar o tránsito cando o enfermo o solicite diante de casos tan extremos como o dunha agonía insofrible ou de enfermidade irreversible.

O Congreso dou luz verde á proposta da lei da eutanasia que posiblemente será aprobada pronto non sen certa controversia porque en asuntos coma este conta moito o pasado  e as crenzas xa que dende hai máis de dous mil anos estivemos escoitando que a vida ven dada por Deus e el  é o único que nola pode quitar. Punto. Nas cuestións que teñen que ver coa fe é dificil entrar, así que o deixo aquí e mellor que cada  un pense como queira.

A eutanasia ven de ser a intervención voluntaria que acelera a morte dun paciente terminal co gallo de evitar sufrimento extremo. Pero a lei non vai ser de obrigado cumprimento e aquel que non queira saber nada da eutanasia  pois iso, coma se non existira.

Morrer non che é calquera cousa e todo mundo debera ter dereito ( individual e intransferible) a pasar este trance sen padecemento. Moitos comités da ética, da bioética, ándanlle a dar voltas a este tema recorrendo case a profundos fundamentos filosóficos, cando non relixiosos, para explicar os pros e os contras da eutanásia, se este método pode estar incluído na deontoloxía médica e se a sociedade o acepta ou non.

Aquí pode que comece cunha regulación bastante estricta que os profesionais deberán ter en conta para non crearse problemas, pero o importante é que se poña a andar facendo camiño.

Eu, que quer que lles diga, son partidario da eutanásia. Creo que o maior exercicio de liberdade que un pode facer é elixir cando e de que maneira un quer acabar a súa vida. Xa pasou o tempo de andar na procura da gloria eterna polo camiño do sofremento.

A morte digna

Te puede interesar