O 8 de Marzo, a loita continúa

O venres observei como a cidade fervía de ambiente reivindicativo con máis de 15.000 persoas pola rúa, a maioría mulleres, manifestándose a prol da igualdade. Unha aspiración que ven de vello cando superada a metade do s. XIX  as mulleres traballadoras comezaron a loitar para abolir a explotación a que estaban sometidas saíndo á rúa en New York un 8 de marzo de 1857 e pouco máis tarde, a principios do XX, o  movemento sufraxista aparece en Inglaterra para solicitar o voto para as mulleres. Desde entón a muller segue a loitar por unha igualdade que semella dificil de acadar. Que se avanzou ó respecto non cabe dúbida pero aínda queda moito camiño por percorrer desde que a muller irrompe no mercado laboral porque a brecha salarial nestes intres anda no 30% o que significa que a igual traballo unha muller percibe un 30% menos de salario có home. Xa hai moitos anos eu gravaba unha canción titulada “María” que falaba deste problema: “Lado a lado co teu home as mesmas horas por día/ o patrón ós dous exprota aínda máis a ti María. “Traballas na mesma fábrica onde teu home traballa/ manobras a mesma máquina e non tes a mesma paga”. Unha desigualdade patente que ven de lonxe e que ainda hoxe non soubemos resolver logo de corenta anos desde que desapareceu a ditadura na que a figura da muller era a que todos sabemos que era. Denantes diso xa había mulleres aquí que andaban no empeño da procura da igualdade. Clara Campoamor foi unhadas máis grandes defensoras dos dereitos da muller en España e mesmo a nosa paisana Concepción Arenal unha das pioneiras do feminismo neste país. Pero o tema nos está resolto e a loita continúa. Resulta curioso comprobar como os partidos políticos, progresistas incluídos, non souberon ata o de agora abordar o problema con contundencia: falan moito deste tema nas súas campañas electorais pero despois... seguemos case nas mesmas. A cidade fervía de espírito reivindicativo. ¿E despois que? ¿Que vai pasar de aquí en adiante? ¿Vanse desinflar as arelas de igualdade paseniño como se aquí non pasara nada? Moito temo que os políticos falarán só deste problema na campaña na que xa están, así que os que cremos que hai que lle dar unha solución política a este asunto, debemos  andar con coidadiño e pensar moi ben a quen ímos autorizar para que decida sobre as nosas vidas e facendas. Eu andaba a pensar cando o venres camiñaba entre tanta xente: ¿quen nos irá roubar o mes de abril? Xa veremos.

O 8 de Marzo, a loita continúa

Te puede interesar