Tesouro tras dos caneirados

Recordando ó ferrolán Don Miguel A. A. de J. Revestido Rodilla

Cando neno ía ata a Pena do Castro pretiño da nosa casa en Barallobre, fermoso lugar dende o que se divisaba toda a ría de Ferrol, as lanchas que ían e viñan transportando persoas e mercadorías e os estaleiros de Astano e Bazán. Dende alí imaxinaba un mundo á miña maneira.
Fun curioso dende sempre. Tiña desexos de saber, de coñecer cousas novas. Tamén o que alí na vella casa dos meus pais había tras os caneirados dunha habitación á que meu pai me dicía non entrara sen o seu coñecemento e presenza. 
Que haberá?, pensaba eu. Será un tesouro. Haberá algún becho raro. Estará aí dentro o vello das barbas co que os maiores poñían medo para que os nenos ovedecéramos. Lembro cando nos dicían que os bebés viñan de París traídos polas cegoñas. Érache boa! E onde estaban as cegoñas, ou era que sempre viñan pola noite cando eu durmía. Aínda se dixeran por unha gaivota, poida, xa que había moitas. 
O caso foi que chegado ós 14 anos, daquela que aprobara para aprendiz de Astano, diante de min meu pai abriu o cadeado da porta da habitación e alí, huchas con roupa, faroles mariñeiros do tío Xosé María, trastos varios e un pequeno andel especie de libraría que contiña libros, revistas, fotografías e cartas chegadas dende Uruguay e Arxentina onde tiñamos familia. 
Fotos de damas encorsetadas e cabaleiros con grandes mostachos engominados e sombreiros tipo “jarano” de alas ríxidas. Todos con rica vestimenta, colgantes ó colo elas, e reloxos de prata no bolsillo do chaleque, eles. 
Nunca tanto luxo vira, nin tan sequera unha vez que fora a Compostela con meus pais. Meu pai pillou dous libros do andel e díxome: Para ti, para sempre. Dous libros que gardo na miña biblioteca como se foran un tesouro. Dous poemarios de Miguel Revestido Revilla, nado en Ferrol (¿) o día 8-5-1892 e finado o 8-6-1938, en Buenos Aires. 
O máis antigo, “De mi alma”, editado en Buenos Aires no ano 1915 é un pequeno caderno que contén 35 sensibles e engaiolantes poemas (case que todos dedicados), con prólogo de D. Ramón Fernández Mato quen, entre outras cousas, di que Manuel Revestido “es un mozo espigado con mucha melancolía en las cisternas serenas de los ojos y mucho entusiasmo en la cripta del pecho, que escribe versos encantadores que parecen granos de incienso quemándose sobre las ascuas españolas de la galantería”.
Entre outros poemas, “A mi Ferrol”, dedicado a Alfonso de Cal, “Mensaje”, dedicado a la mujer ferrolana, e “Saludo a Galicia”, no que fala da súa patria chica, de recordos, sentimentos, morriña e da súa Galicia amada, que dende lonxe venera e chora.  O outro poemario, “Flores de Otoño”, editado tamén en Buenos Aires nos estudios gráficos Humberto J. Estrach no ano 1923, contén 35 poemas e vai dedicado a 24 amigos ós que chama “hermanos de ensueño”, posiblemente porque lle deron ánimo e  axudaron para levar a cabo a edición do mesmo. Entre outros, Julio de la Cuesta, Ferradás Villar, Valentín Tubío, Alejandro Pulpeiro e José Viqueira. 
“Flores de Otoño”, curioso poemario editado en papel acartonado e portada con letras color ouro vello recolle fermosos poemas que falan de amor e de recordos. 
Sen prólogo, pero con introito de autor no que entre outras cousas di que ós que o coñecen nada lles sorprenderá a franqueza da súa obra, e ós lectores descoñecidos anónimos dilles que se o queren coñecer lean con cariño os seus versos, xa que neles puxo por enteiro o fiel reflexo da súa inquieta vida. Entre outros títulos destacan, “Mi novia gallega, Concepción Arenal”,  “Santa Rosalía e Curros Enríquez”, de quen di: “Maestro de la fuerte rebeldía, / Nazareno de nobles ideales; / Si el látigo vibró en tu poesía, / Tus manos fueron siempre fraternales…”
A resultas dun meu artigo sobre Revestido Rodilla xa fai certo tempo, puxérase telefónicamente en comunicación comigo unha señora que dixo ser lonxana sobriña que vivía na Coruña, para darme as grazas por recordar ó seu tío avó. Díxome que o seu nome de pía completo era Miguel Antonio Amado de Jesús e que, á parte de poeta foi escritor, músico, periodista e autor teatral. Así mesmo. 
Na última páxina do poemario Flores de Otoño, onde se informa das obras do autor públicadas dá a coñecer outras tres:“De mi alma” (poesía), “Fusión de almas” (comedia en un acto), e “La prueba” (comedia en tres actos). 
Penso que Miguel Antonio Amado de Jesús Revestido Rodilla, foi, é, un personaxe importante dos moitos que tiveron que emigrar, daquela coma hoxe, da nosa sempre querida e esquecida Galicia, non ben tratada polos gobernos e tantas veces sometida polos caciques, para buscar sustento e liberdade lonxe da terriña, que sentaron cátedra sen esquecerse do seu país que dende a emigración defenderon con unllas e dentes, a pesar das adversidades atopadas aquí e aló.
Un personaxe importante digno de investigar –en Ferrol hai magníficos especialistas e Revestido Rodilla–: “Otra Galicia te espera / serena apuesta altanera / del Mar del Plata a la orilla; / Es la Galicia emigrada, / La que sueña tu llegada / Fija en la estrella que brilla. / Son tus hijos los proscritos, / Que de la suerte malditos / Abandonaron la tierra; Los que luchan por tu gloria / y van grabando tu historia / Desde el monte hasta la sierra…” (do poema “Invitación”). Repito, Revestido Rodilla, puidera dar para moito. 
Historia, poesía, paixón, amor e tanto máis, tralo escuro caneirado dunha vella habitación, daquel meu pequeno, pero querido mundo ó  pé da Pena do Castro, que me abondaba para ser feliz. 
 

Tesouro tras dos caneirados

Te puede interesar