Sorrisos de Outono

coido ninguén dubida que todos os animais irracionais e racionais somos alumnos permanentes da Natureza en xeral e da propia vida en concreto. E falando dos racionais que ás veces non razoan, decía Francis Bacon, filósofo e político inglés defensor dunha ensinanza vinculada ao mundo natural que, “o home non é máis que o que sabe”.
Somos alumnos da propia vida, esa Universidade á que dende que nacemos nos ensina, por moi testáns que sexamos, a irmos polo camiño certo, anque, tantas veces non o atopemos.
Aprendemos dos sabios, dos libros, de quen menos contamos, dos fracasos e dos éxitos, da vida que nos ensina e que nos tira das orellas para que nos paremos a pensar antes de cometer unha estupidez. Aprendemos, incluso se queremos, dos animais e das plantas.
Contábame a señora Nita, coa que atopei hai uns días na rúa do Castro, de quen sempre aprendo e con quen me gusta falar, que na súa nenez nos montes de Neda había moitos soutos e que nesta época ían ao soutelo e logo facían o magosto nos campeiros da ribeira.
Díxome que tanto na Fraga do Rei, como na Rabadeña e na parroquia de Anca había moita castaña, e da boa, e boas fragas de carballos, castiñeiros e outras árboles nosas. Nosas, así me dixo, e que hoxe é lamentable, unha peniña que os montes foron invadidos polos eucaliptos chuchóns e outro tipo de maleza que axuda aos prendelumes.
A señora Nita, muller vital e falangueira recordoume que o vindeiro venres o concello facía un magosto no centro social. Verémonos alí, como non, saborearemos unas asadas, e se se tercia, learemos unhas bailadas. Co bailarín que eu son!
Cálido sorriso anque vaia frio. O outono non é tempo de estarmos tristes, anque as noites cheguen antes. Ao mal tempo boa cara di o refrán popular. Os galegos xa estamos afeitos e ben sabemos defendernos, e como non sorrirlle, a poder ser falarlle ao oído, acariñalo, botarlle unhas cantigas e convidalo a uns grolos de viño novo.
A estación do outono debuxa na paisaxe estampas preciosas, fantásticas, dignas de ollar e de contemplar con calma. Dignas de deixar gravadas na retina e de gozalas de por vida.
Outono das mil cores, das fervenzas revertentes, dos verdes prados, das ondas mariñas que veñen e van bicar as beiraribeiras. Outono con chan tapizado de follas secas, cogumelos e margaridas serodias. De neve polos curutos dos montes, de esfollas alí onde houbere, de alalás, gaita e pandeiro.
Outono castañeiro que tanta fame ten quitado aos nosos antepasados. Castañeiro de castañas que hoxe estanse a introducir, soas ou como complemento de platos, receitas e menús dos restaurantes, e xa non digamos nas sobremesas e nos escaparates dos mellores mestres confeiteiros. As castañas de Galicia son moi apreciadas en toda Europa por seren de primeira calidade alimentaria e cun sabor exquisito e refinado.

Os magostos en Galicia constitúen unha tradición centenaria que prestixiosos historiadores enlazaron coa purificación das ánimas e o culto á morte.


Sabido, que a pesar de que o principal producto son as castañas asadas, na gran maioría dos magostos son acompañadas de chourizos, liscos, mariquitos salgados e otras viandas; non podendo faltar o viño, a poder ser novo e ao remate a purificadora queimada que quenta o corpo e fai fuxir o maligno.

Este tipo de reunións, festas- magostos- Samaín, momento sacro de fraternidade, antiguamente se celebraban no mesmo souto. Eran de carácter agrario, anque tamén funerario, no que a castaña e o viño novo simbolizan o remate do ciclo solar e o da propia vida.

O pobo celta era xente de profundas crenzas relixiosas relacionadas coa inmortalidade da alma, por tal motivo a noite do 31 de outubro comezaba o Ano Novo con unha celebración en recordo dos difuntos nos cemiterios de cada comunidade.


Hoxe en Galicia, concretamente na Comarca de Ferrol, estes ritos cerimonias ou festas de veciñanza, nada teñen que ver coas celebracións do mundo celta que estaban relacionadas ao culto, á fertilidade e o agredecemento aos deuses polos froitos recollidos, non obstante, si son importantes xa que é un xeito de lembrar a historia, confraternizar e divertirse, alegrar a vida cun sorriso, cunha gargallada, cun aturuxo, que dabondo problemas temos sen podermos botar unha trouleada.

Outono, restra de intensos recordos, mestura de cores e bicos, fábrica de soños e amores compartidos. , quizais lles dea resultado positivo.

Sorrisos de Outono

Te puede interesar