• Domingo, 23 de Septiembre de 2018

O pan e os seus derivados

Agora que o verán comeza a tocar a marcha de adeus muchachos,

Agora que o verán comeza a tocar a marcha de adeus muchachos, que a calor do Sol e das festas amaina, que a chegada do novo curso político e escolar está a ofrecer o toque de benvidos á casa, pasada a XXX Festa do Pan e Romería da Santa e Saborosa Empanada en Neda, como é sabido Festa de Interese Turístico de Galicia (e tanto máis), que como tódolos anos, coincidiu co primeiro domingo de setembro no que veciños e veciñas dímoslles a benvida e convidamos, entre outras cousas, a degustar o tan afamado pan e outros productos derivados de exquisito sabor.
Cando vaias a Neda / ruliña inqueda, / traeme unha flor ventureira / do camposanto. / Traeme unha bola de ovos / daquela que sabe tanto.
O pan foi e é un dos referentes máis importantes do concello de Neda. Non é pois de estrañar que os panadeiros nedenses elaboren bo pan e bos doces; xa en épocas medievais existían na vila os “Hornos Reales y Fábrica de Bizcochos” localizados no que ata hai pouco tempo aínda era coñecido como Campo dos Fornos, zona que abarcaba unha gran extensión de terreo, dende a rúa Sobre da Vila, onde había unha caudalosa fonte con un gran estanque que abastecía os “Hornos y las Casas Reales, de los Gobernadores, Vehedores y Alcaides”, pasando polos lugares das Viñas e a Roseira, chegando ata o Alto de Piñeiros, nos Pazos.
Aqueles “Hornos Reales y Fábrica de Bizcochos” tamén eran coñecidos como “ Hornos de la Provisión”, pois avituallaban de biscoitos e galletas á Armada da Súa Maxestade Felipe II(1527-1598), Rei de España que foi entre o ano 1556 e o 1598 e aos barcos que navegaban indo e volvendo das “posesións que daquela tiñamos mundo adiante”, e aos que andaban de incursións ao longo e ao ancho do Mediterráneo.
Observando informes dos profesores Montero Díaz e Leandro de Saralegui vemos que onde hoxe se asenta Neda estivo o máis antigo núcleo de poboación de toda esta comarca. Recollo dos papeis de Crónicas Nedenses, do historiador e Cronista Oficial que foi da Vila de Neda, don Antonio Vázquez Rey, que “los Hornos Reales fueron fundados en el año 1538”.
Sen dúbida, o saber elaborar o pan foi pasando dende aquela de pais a fillos, xeneración tras xeneración. Un dos xentilicios das persoas nacidas en Neda –anque non oficialmente– é o de forneiro.
Inda hoxe hai algúns forneiros que nas súas tafonas elaboran o pan do xeito máis artesanal que a modernidade lles permite.
En Neda séguese elaborando bo pan, boas empanadas e xa non falemos da bola de ovos, biscochada, proia e bolas larpeiras. Dou fe. Palabra de larpeiro. Sen despreciar, faltaría máis, aos panadeiros de toda a comarca de Ferrolterra, que tamén son excelentes.
Quero deixar neste artigo, con permiso dos responsables do xornal Diario de Ferrol (voz do pobo), o meu berro ben visible, con un ¡Hurra! á empanada galega, digna de calquera mesa para xantar, merendar, ou cear. Con garfo de cinco pugas, coa destra ou coa sinistra, de xoubas ou de bonito, de raia ou berberecheira, de liscos, polo, coello ou raxo e viño da Nosa Terra. Ao pan pan e ao viño viño, pero a empanada, galega.
Cando eu neno, na casa dos meus pais en Barallobre, tiñamos un par de fornos; un pequeno dentro que cocía un ferrado de pan e outro fóra grande que dicían de parceiría, no que cocían os veciños do lugar, cada quen o día que lle correspondía.
Traveso como eu era corría dun lado para outro, quería axudar e aprender, mais coido, o que facía era estorbar. Miña nai coas raspas da masa da artesa sempre me facía unha bola con manteiga e azucre que sabía a cariño de Nai, que era moito saber.
Os meus recordos para aqueles amigos, artífices necesarios –moitos xa non están entre nós de que a Festa do Pan siga tendo fariña dabondo, fornos quentes, panadeiras e panadeiros ilusionados e dispostos a colaborar. Noraboa a Corporación Municipal decidida a traballar pola cultura, o turismo e o benestar social e económico deste tranquilo e acolledor concello.
Como non, ao profesor Vicente Araguas polo seu tan ameno pregón que soubo –que xa é saber– a pan, a bola e a empanada de Neda.