Fantasías de algúns políticos

coma tantas outras palabras “fantasía” ten varias definicións: ilusión dos sentidos, capacidade de representar na mente algo inexistente, cousa sen fundamento, ficción, invención, conto, entre outras. 
Fai poucos días no Gaiás, o señor presidente da Xunta de Galicia en reunión con un grupo de estudiantes fillos e netos de emigrantes galegos contoulles un conto (case un novelón) que posiblemente algúns creron, el non , claro está. 
Fíxolles unha chamada para que viñeran para Galicia, terra dos seus avós e dos seus país: “Os necesitamos aquí, un buen lugar para comenzar una nueva vida. Os animo a hacer el viaje al revés. Os necesitamos aquí para hacer un pais más global”. Textual.
A chamada non foi soamente ós estudiantes, foi tamén para os familiares emigrados que os acompañaban na cerimonia do acto de entrega de diplomas. Aplausos emocións, bágoas. Don Alberto, tan sensible, é moi dado a esbagoar ó final de cada intervención pública.
Ou sexa, coma tantas veces seguimos contando contos e mentiras, intentando ilusionar ós galegos e galegas da diáspora, que si lles gustaría facer o camiño de regreso, retornar á súa terra, traballar ó pé dos seus e producir para o seu país, disfrutar, vivir e morrer en Galicia é o seu desexo despois de moitos anos lonxe, en terras extranxeiras. 
Ogallá puideran volver, pero a que agora se non hai traballo, a non ser de bolseiros sen paga como é o desexo da patronal. Non se decata señor Núñez Feijóo, que todos os días marchan de Galicia dúcias de persoas a outros países buscar o traballo que aquí non hai nada para poder vivir. 
Non marchan de vacacións. Ogallá que non tivéramos que saír a padecer a penuria da emigración;  a soidade , tantas veces o trato discriminatorio, o desprezo, a humillación en linguas que non  entendemos. 
Non conte contos señor Presidente, e se quixer cantar milongas emigre a Río de la Plata. Ou é que xa está facendo campaña para as vindeiras eleccións, ou méritos para sustituír na Moncloa a don Mariano?
En ambos casos está vostede no seu dereito, pero a verdade só ten un camiño e non é o das fantasías, senón o camiño da realidade,  o que se vé, e no que damos os tropezós a cotío non é o que leva ó país de Alicia que vostede, quizais con boa fe, vocea. 
Galicia non é ese mundo máxico de festas e bó comer co que nos saturan día tras día os medios de comunicación. Non dubido que hai xente que vive ben, que ten de sobras e máis a conta de tantas veces escravizar ós traballadores. Pero que porcentaxe de cidadáns disfrutan desa “vidorra”? É tan difente a realidade que ou hai que estar cego para non vela, moi  cerrado de molleira, ou ser fanático empedernido. As e os traballadores non se manifestan por se divertir.
Poida tamén que nosotros, galegos e galegas sexamos culpables das políticas de desigualdade que padecemos – ó mellor por sermos tan mansiños – con respecto a outras autonomías en canto a emprego, servicios, salarios, pensións de xubilación, desamparo do agro, da pesca, e tanto máis. Xa non falemos da pirámide demográfica, que aquí en Galicia a base é a cúspide xa case se tocan. 
Será que os que nos gobernan non saben de xeografía, nin de xeometría, nin de política, ou será que lles vai ben así o negocio?
Para cando gobernantes que non tirén balóns fóra da área para disimular a desgana e o mal que o fan. Será que árbitros e xuices de liña están comprados. Será que o campo de xogo está moi mollado e a pelota non bota ben? Que non nos conten contos, nin nos canten milongas. 
Intento ser positivo, optimista, quixera o mellor para a Nosa Terra sen lles quitar nada a outras, pero mire cara onde mire, salvo algunas excepcións, vexo, por aquí e por aló, cuberto de neboeiro. A ver se se decatan dos erros.

Fantasías de algúns políticos

Te puede interesar