Escravos, sen cadeas á vista

Mudos e sumisos quixeran vernos moitos políticos defensores do sistema capitalista á clase traballadora. Mesmo hoxe, os que nos están gobernando dende Madrid, por enfastidialos con tantas manifestacións e protestas, asegún din eles sen motivos: Que lles falta?
E poida teñan razón. Gastamos por enriba das nosas posibilidades e xa estamos equiparándonos ós ricos. E iso non, senón quen vai traballar. 
 Para gastar estamos os de sempre, os poderosos – din –, para gastar o voso, e o que nos sobra a paraísos fiscais, que poida sexamos algo canallas, pero nada parvos. 
Os defensores do capitalismo pretenden que sexamos prisioneiros necesarios das grandes empresas, e de todos os axentes segredos ou coñecidos que moven a economía mundial como lles interesa, anque para eso haxa que facer pasar fame e ducias de calamidades a pobos enteiros. Escravos, sen cadeas á vista para podermos sobrevivir. Paro, empleo en precario, e salarios e pensións míseras que levan á depauperación. 
Agoireiros din, que a desigualdade en España chegou para non marchar. Ou sexa, que lle gusta o clima político. Non o pobo crer. Seremos tan doados de dominar? O sistema capitalista fai ricos a uns poucos, e pobres a todos os outros. Que listos eses poucos!! Como é posible que os que menos temos fagamos medrar as riquezas dos que teñen máis. “Me lo expliquen”.
Disque San Agustín dixo que “o que sobra ós ricos é patrimonio dos pobres”. Ou sexa, nada. E poida fose certo xa que os santos, tamén ás veces poden estar nas patacas, incluso nas verzas, xa que antes foron humanos.
Sabido é que a maioría só dan en troco de algo que os beneficie. Por eso teñen e, anque non todos, defenden reximes capitalistas que intentan sacar o máximo partido dos seus negocios e dos  seus traballadores, que só pretenden e ter un salario digno que lles permita vivir desafogados, e por suposto, unha pensión de xubilación cando chegue a idade, que lles permita para vivir o resto da súa vida sen grandes dificultades. 
Poida que á vaquiña sufrida e baixada que daba leite xa pouco lle quede no ubre. Pasáronse os explotadores. 
Estou preocupado, e quen non, polo grave problema do paro e dos indecentes contratos que a raíz da RL do PP (importante bicoca para os empresarios e mazazo para a clase traballadora) nos leve a sermos máis pobres e dependentes das limosnas estatais. 
Preocupado tamén por tantos recortes sociais nos presupostos. Pola corrupción dos que deberan dar exemplo ó pobo. Polos arrasadores impostos para cubrir os ocos de tanto roubado. 
Coñezo a traballadores que ingresan menos que fai dez anos. A empresarios pequenos e medianos, que semella van a por eles desde a Facenda do Estado, para arruinalos con tantas cargas fiscais que non os deixan vivir .Así é imposible que o país avance, don Mariano. 
Á vista está, o desencanto do pobo é grande. Menten con descaro. Rínse de nós. Fálannos dunha sociedade que tan só existe no seu escenario político particular, cando a realidade é outra. Totalmente outra. 
Señores e señoras do Goberno Central, non nos canten máis milongas que non vivimos en Río de la Plata. Cántennos, que cantar é saudable, alalás, fandangos, chotis, ou outras cancións do pobo, nosas e que digan de ralidades. Que digan deste país de bondades – se non foran os que mandan – no que vivimos, amamos e sufrimos. 
Que digan de xustiza para todos por igual, de esforzos para superar esta crise chegada de aló donde todas chegan, que só beneficia ós “semprericos” apegados como lapas ó seu adicto egoísmo. Namentres varios fatos de crónicos políticos, máis que atados cravados ó seu escano de prata pescan en río revolto, con anzós de papel moeda. 
Quítense esas gafas que “todo lo pintan lindo”. Baixen da vella burra. Sáian darredor do limbo da Lúa. Só vostedes viven nese país, onde Alicia, no que tanto disfrutan e tan mal gobernan.
Que din
na súa servil mudez
aqueles que nada din.
 

Escravos, sen cadeas á vista

Te puede interesar