De primeira calidade

Arroz con chícharos / patacas novas / repolos de Betanzos / e máis cebolas. Cantiga popular de contido culinario ben coñecida por vellos e mozos que fala dos productos da horta betanceira, coma ben puidera falar doutras comarcas da Nosa Terra, excelentes, frescas, substanciosas e exquisitas, sen termos necesidade de botar ao pucheiro outros foráneos que “nin fu, nin fa”, nin se sabe tantas veces da súa procedencia.
Sen dúbida en Galicia temos bos productos alimentarios e nutritivos, aseverado por expertos nutricionistas e cociñeiros deses que teñen no seu currículo varias estrelas da Guía Michelin, que lles dan condicións e saber para diferenciar calidade e sabores para elexir e levar aos fogóns os mellores productos, estando os nosos sempre entre os primeiros. 
Tamén os consumidores, comensales en restaurantes ou nas casas, ben que sabemos discernir o bo do regular ou do malo e non vemos a necesidade de botar ao pucheiro materias foráneas que deixan moito que desexar, tendo ademais que pagalos máis caros. 
Tampouco precisamos dun culto gastrónomo, ou gourmet (que queda máis fino) para que nos recomende unha lamprea, uns percebes tentadores, o polvo de calquera xeito, as sardiñas por San Xoán, ou un robalo ó forno.
Xa non digamos, un repolo de Betanzos, ou grelos de Xestoso con derivados do porco, e de postre, eu elixo, requeixo de A Capela. 
Hai moito e bo. Mágoa que non defendamos o noso e pensemos que o de fóra é mellor. Mágoa tamén, que non todos os galegos poidamos elexir nin do noso, nin  doutros lugares, xa que hai moitas familias, sábeno ben os políticos que nos están a gobernar –desa maneira– que non teñen nin para pagar a vivenda, para canto máis alimentárense ben.  A saba da cama cubre só ata os xeonllos, por moito que dela tiren. 
Falando de productos alimentarios desta Galicia á que amo, un dos problemas que estamos tendo é a escaseza de pataca, ese tubérculo comestible que tanta fame quitou tempo fai, que é tan consumida por galegos e visitantes, gustosa e nutritiva por excelencia. 
Onde vai a pataca galega? Será que tamén, coma tantos galegos ten que emigrar, no seu caso satisfacer padales finos e estómagos agradecidos lonxe da terra na que se criou.
A pataca da terra galega leva tempo escaseando na comarca de Ferrol. Case que desaparecida de almacéns, tendas e supermercados. No seu lugar exipcias, marroquís, francesas. Ás francesas invádennos. Medo me dá que sexan da clase “napoleónicas”.
A que saben esas patacas, que incluso con nomes galegos ensacan empresarios para nos confundir, aínda que na etiqueta con letra que hai que ler con lupa figure a súa procedencia? 
Insípidas, duras coma croios que na vez de fritir cocen, e para máis inri caras. Nada en contra da importación-exportación, nin do libre mercado, pero dende a Xunta de Galicia alguén terá que controlar estes descontroles. Nada en contra dos franceses, marroquís, ou exipcios, pero as súas patacas por malas, que as coman eles. 
Que defendan dende Galicia. Que fan por defender a nosa pataca de primeira calidade, indispensable na mesa de ricos e pobres, nas mesas de a diario e nas de festa, rica en fécula, sabedeira de calquera xeito se prepare, das nosas terras da Limia, Coristanco, Vilalba, Monfero, Pontedeume, e tantas outras comarcas productoras en máis ou menos cantidade?
Non culpemos da escaseza no mercado á polilla guatemalteca que, aínda que na nosa comarca xogou unha mala pasada, as zonas máis productivas non foron afectadas pola corrupia couza que espero pronto sexa controlada e erradicada por ben de todos.  Doeume ter que pasar varios meses sen comer patacas galegas. As outras sabor a nabo ou a canoto de col vella, fartáronme só coa proba. Dende os poderes da Xunta de Galicia, coa forza social do pobo debemos defender o noso, os productos da nosa terra e do noso mar. Como non, a exquisita e sacra pataca galega, e aos agricultores que tanto están sufrindo contra das adversidades do clima e os problemas económicos de sempre. 
 

De primeira calidade

Te puede interesar