Carnavaleiros

Na solaina da porta o sol mainiño non se arriscaba a entrar, e da cociña da casa saía un cheiro provocador mestura de anisete e caña de herbas.
A masa das orellas e a dos freixós levedaba enriba da artesa, agardando o momento preciso para ir, unha á frixideira e a outra á freixoeira, para logo a non tardar, á andorga dos larpeiros que xa agardaban á porta. 
Xa aberta, os antroideiros entraron á cociña brincando e cantaruxando finxindo as voces para non seren recoñecidos…Unha orelliña, un freixó, unha torrada. Eu con mel; eu con marmelo; eu cunha cunca de leite, oíase ao fondo do corredor algúns lerchos pedichando e rindo.
-Vaia pola súa alma señora. –Vai pola túa gorxa abaixo larpeiro, dicía a dona da casa que disfrutaba e medraba ao mesmo tempo, abofé.
Ao pé da lareira unha mesa grande termaba de dúas cestas e varias bandexas con gorentosas lamberetadas que ían pillando a medida da gula ou da fame de cada faleiro.
Coñézovos a todas e a todos. Ti es Manuel das Travesas; ti es Celia de Tineo; ti es Andrés do Ferreiro; e ti pelendrín, es Juancito de Barallobre, o primo do meu noro; sempre andas de brincadeira.
Que viva o Antroido, gritaba contenta a dona da casa dos Peruchán de Rebordelo, xente divertida, do bo corazón á que recordo con moito cariño, e anque pasaron tantos anos recordo tamén aquela cantiga carnavaleira que cantaban as murgas  nas roldas de casa en casa naquela zona de Monfero: “Agustinciño está caladiño. Tou porrotou que xa vén o padriño”.
Por suposto o padriño era un moneco esfarrapado que traían catro levadores nunhas angarellas de pau. Nesta comarca de Ferrol hai moitas familias chegadas de Monfero dende os anos corenta para aquí, entre elas, a miña por parte de nai, de Lagares concretamente.
Como non, xente haberá que recorde aqueles carnavais propios, divertidos e familiares que anque estaban en todo o país prohibidos por orde gubernamental do dictador, alí en Monfero sen teren o rango dos de Río ou Venecia, desoíndo a orde víñanse celebrando sen armar moito balbordo.
Anque para moitos políticos e outros elementos superiores que gobernan aos gobernantes, Carnaval é todo o ano. Aquí en Galicia abranque un ciclo de 17 días e comeza dous domingos antes do Martes de Antroido co Domingo Fareleiro, rematando co Mércores de Cinza, día no que se leva a cabo o Enterro da Sardiña. 
É preciso potenciar as manifestacións populares do noso acervo cultural. No caso do Carnaval sería ben recuperalo en todos os pobos, vilas, comarcas e ciudades. Potencíalo para que chegue ás vindeiras xeneracións do xeito máis puro posible, xa que como os Maios, o San  Xoán, ou o Nadal son festas que proceden de tempos inmemoriais. 
Dicía o “Príncipe de los Ingenios”, don Miguel de Cervantes que “la historia es el testigo de lo pasado, ejemplo y aviso de lo presente, advertencia de lo por venir”. Defendamos pois “Amigos do Carnaval”, o popular, este curto ciclo, non o deses desleigados antroideiros permanentes e inmutables, a poder ser o enxebre, o noso, de comparsas, disfraces, bullicio, foguetes, música e alegría nas rúas.
Liberémonos das enerxías reprimidas durante un ano, esquezamos as mentiras dos gobernantes por uns días. Demostremos a nosa capacidade cómico-artística, mais que sexa con disfraces trapalleiros. Gocemos destas festas; disfrutemos do porco e doutras larpeiradas, que o Antroido no seu Testamento nos deixe alguna regalía, e saiban, que por orde de don Carnal quedan prohibidas tódalas enfermidades e dolores ata pasado o Carnaval. Ollo coas enchedelas.
Hai dous tipos de persoas.
As que andan todo o ano
coa careta, e as que a poñen
somentes en Carnaval.
 

Carnavaleiros

Te puede interesar