miércoles 20.11.2019

Sen audiovisual non hai País

Carlos Ares, Presidente da Academia Galega do Audiovisual, ven de definilo moi a xeito na entrega dos premios Mestre Mateo: “sen cultura non existen os países e sen audiovisual non hai cultura”. Velaí que non existirá país sen o audiovisual. A  forza da nosa identidade e mesmo parte da nosa prosperidade dependerá de xeito directo e substancial da saúde cultural e económica do sector audiovisual galego. 

Ares remata un mandato que se traduciu nun grande incremento do número de académicos, das actividades da Academia e de actuacións formativas nun sector xa caracterizado pola alta calidade técnica e profesional da súa xente. Foi, tamèn, un cuatrienio sinalado pola aposta pola igualdade. Canto aos productos audiovisuais, aumentou a produción de longametraxes en galego, a súa variedade e máis a participación de mulleres como xefas de equipa. 

As longametraxes máis agasalladas (“A sombra da lei”, con dez premios e “Trote“) definen precisamente dúas liñas de produción distintas no audiovisual galego. Por unha banda a grande coprodución industrial coordinada  por unha produtora galega (Vaca Films), con actor protagonista galego (Luis Tosar) e director galego (Dani de la Torre), contando en castelán un relato do pistolerismo barcelonés dos anos 20 do século XX. Pola outra a ópera prima nada convencional dun director (Xacio Baño), aliñado na corrente do “novo cinema galego”, contando en galego unha historia desenvolvida no noso rural que, porén, é universal.  Un film con coprodución lituana que trunfou nos festivais de Locarno e Donostia.

Pertencen longametraxes como “A sombra da lei” ao audiovisual galego? A resposta só pode ser afirmativa, xa que foi ideada e financiada por unha empresa galega, dirixida por galego, montada polo galego Jorge Coira, cunhan directora de produción galega (María Liaño), actor protagonista galego e con galegos nos diversos traballos técnicos. Mais nesta caste de productos constitúe función esencial da axencia pública AGADIC a de garantir a produción de copias en galego e a súa distribución nun mercado interno que non discrimina negativamente os productos na nosa lingua, adoito vetados, porén, polos prexuizos das distribuidoras.

O audiovisual galego é parte esencial da cultura, mais tamèn constitúe unha industria cunha grande capacidade de crecemento e  indución doutras actividade. Integrarmos estes dous polos é a garantía da súa viabilidade económica e da súa vitalidade cultural.

Sen audiovisual non hai País
Comentarios