Audiovisual, lingua, muller e país

O audiovisual galego é, certamente,unha industria. Mais unha industria cultural. É dicir, xurde dunha identidade propia, a de sermos galegos. Como dixo a xornalista da TVG Nieves Rodríguez (Mestre Mateo á mellor comunicadora de TV 2018) “se existe un audiovisual galego é grazas ao galego”.
A lingua galega foi máis protagonista na edición do 2018 dos premios Mestre Mateo do audiovisual galego. O thriller Dhogs, ópera prima do xove director Andrés Goteira, bateu o record das dezaseis edicións desta gala ao quitar trece dos agasallos. Dhogs é a primeira fita en galego seleccionada no medio século de vida do Festival de Cinema Fantastico de Sitges. Mágoa que unha das súas coprodutoras denunciase que “é máis difícil atopar un distribuidor en Galicia para unha longametraxe en galego ca fóra do noso pais”. Mais o produto final amosa que hai unha nova xeración de altísima formación técnica, que asume a lingua propia e facer cinema de xénero con absoluta naturalidade. Hai presente e hai futuro no audiovisual galego.
Esta edición estivo sinalada polas continuas apelacións á liberdade de expresión e á igualdade de xénero, nunha gala na que a dirección, presentación e todas as actuacións e entregas de premios foron desenvolvidas por mulleres. Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual, defendeu o diálogo como canle de solución dos problemas políticos (en alusión implícita á cuestión catalá) e condenou a censura de obras de arte, o peche de radios comunitarias (en alusión implícita á coruñesa Cuac FM, pechada polo rigorismo da Xunta), a censura de pregóns de entroido e a condena penal de raperos. “As sociedades xustas, libres, honran poetas e bufóns”, dixo Ares.
A gala acadou un alto nível reivindicativo, mais sen perder o seu sotaque entretido e lixeiro. Moitos deitaron mensaxes para os políticos e a sociedade: máis mulleres no audiovisual, máis fitas en galego, máis traballo no noso audiovisual, máis investimentos en cultura e artes…Mais tampouco faltaron as mensaxes cara adentro, como a da xornalista da TVG Marga Pazos a respecto das persoas que traballan nos nosos medios públicos, cando lembrou que “traballamos para os gobernados e gobernadas,non para os gobernantes”.
O audiovisual é estratéxico para a nosa cultura e economía. Mágoa que os que gobernan non queiran velo.

 

Audiovisual, lingua, muller e país

Te puede interesar