A “Audiencia Nacional” é un Tribunal de excepción

Poucos días despois de ocupar Catalunya, en febrero de 1939, a ditadura franquista promulgou a Lei de responsablidades políticas e no 1940 creou un Tribunal de excepción, o Tribunal de represión da masonería e o comunismo, para exercer a xurisdición  definida na lei devandita. Este Tribunal foi substituído no 1964 polo Tribunal da Orde Pública, que foi transformado dende o 5 de xaneiro de 1977 polo Real Decreto-Lei 1/1977 na chamada impropiamente Audiencia Nacional (AN). Velaí un Tribunal creado a medio  da transformación dun Tribunal de excepción dun réxime autoritario, por mor dun Decreto-Lei promulgado por un goberno de facto (aquel de Adolfo Suárez), malia que todo o reformista e aperturista que vostedes queiran. A única causa da creación da AN foi a de axuizar o terrorismo da ETA. Mais nas democracias liberáis todos os delictos han de se axuizar polos mesmos xuices: os que nos pertencen, os predeterminados pola Lei,  como ordena o artigo 24 da Constitució. O erro conceptual  de base foi considerar aos xuices de Lleida, Barcelona, Iruña ou A Coruña como xuices de segunda, persoas que non eran quen de tratar casos penais importantes. É evidente que un tal recoñecemento xeraría unha fenda no centralizado Poder Xudicial. Mais, canto menos novo vou sendo, máis penso que esta decisión non foi un erro, senón unha medida ben matinada, semellante a outras como a da presentación nun “pack” global da Monarquia, do sacrosanta unitariedade do Estado e da amnistía para os crimes do franquismo como tributos a pagar pola implementación do mal menor para o réxime: unha democracia moi parcial e imperfecta. Dende 2011 ETA non actúa, mais nunca foi tan expansiva a doutrina da AN alargando desproporcionadamente os conceptos de terrorismo, violencia política ou sedición, mesmo modificando arbitrariamente a súa xurisprudencia anterior (como fixeron para se declarar competentes a respecto da investigación nas causas contra Jordi Sánchez e Jordi Cuixart e contra Trapero e demáis mandos orgánicos dos Mossos d´Esquadra). Do mesmo xeito, por causa da acusación primaria de terrorismo, avocaron a competencia para axuizar os incidentes de Altatsua, que remataron con absolucións por terrorismo, mais con desproporcionadísimas condenas.
Foi a mesma AN que condenou desaqueladamente a catro militantes independentistas galegos no 2013 e que acusou de terrorismo a trece activistas dos Comités de Defensa da República (CDR) cataláns no 2019, nunha causa que foi artificialmente salientada pola prensa centralista de Madrid, malia estar arestora nunha situación case previa ao sobreseimento ou á súa remisión aos Xulgados competentes de Catalunya. Entre o luns 19 e 21 deste outubro serán xulgados pola AN doce independentistas galegos acusados de condutas absolutamente políticas, asociativas e protexidas polas liberdades constitucionais, sen participación ningunha en acción violentas. O Fiscal pide penas conxuntas de 108 anos de cárcere para eles.
Ao longo de todos estes anos a política de provisión de postos de maxistrad@s e fiscais na AN e a súa propia dinámica de grupo xerou unha doutrina xurídico-penal de alargamento represivo de toda conduta que se considere contraria á definición unitarista, monárquica e xerárquica do Estado, sen que cumpra facermos moitas distincións entre progresistas e conservadores no decorrer desta andaina. A AN constituise nun castro ou recuncho xudicial que axuiza e condena dun xeito radicalmente  oposto a como o faría calquera das Audiencias operantes nos países e territorios todos do Estado 8agás quizais a excepción do TSJ de Catalunya). Os principais problemas son que o TS ratifica, apenas moderando un chisco, estes desaquelados criterios e que  nin a dereita nin a esquerda españolas nunca expresaron a primeira dúbida a respecto desta institución xudicial, impropia dunha democracia europea.   

A “Audiencia Nacional” é un Tribunal de excepción

Te puede interesar