Alcoa: dous gobernos inoperantes

O xornalista galego José Luis Gómez ven de explicar a xeito que o problema do proxectado peche da factoría de aluminio primario de Alcoa non é só- nin nomeadamente- un problema de tarifa eléctrica, senón unha decisión que xurde da nova fasquía de Alcoa dende o 2014, orientada estratéxicamente cara a fabricación de motores para a industria aeroespacial e alúmina. Velaí que queira pechar a fábrica de aluminio de San Cibrao como pechou outras catorce no mundo. Mais quere manter a fábrica de alúmina (moito máis intensiva, por certo, no uso da enerxía eléctrica) e o uso excluínte dun porto público –o mariñao de San Cibrao–.

O eventual peche da fábrica de aluminio primario en San Cibrao xeraría un problema ambiental moi grave por mor da súa balsa de lodos vermellos, de 87,42 ha. de capacidade e xa case chea. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) ven de denunciar os gravísimos riscos para a vida humana e animal, para o ambiente natural próximo e máis para as actividades acuícolas que se desenvolven na veciñanza.

Para máis, Alcoa recibiu nos últimos anos 38 M€ de subvencións públicas que poderían serlle reclamadas de volta no caso de pecharen a devandita fábrica de aluminio primario.

Con todos estes dados o Goberno do Estado semella non se decatar do contexto e non tira proveito das súas armas: uso excluínte por Alcoa do porto público para a súa actividade esencial de produción de alúmina, reclamación dos 38 M € achegados en axudas públicas e busca de socio industrial para unha estatalización viábel no novo marco xurídico da Unión Europea.

Pola súa banda, a Xunta de Núñez Feijóo semella non se decatar da forza que habería facer co eventual incumprimento ambiental de Alcoa. Tampouco que Alcoa podería ser suxeito esencial do Consorcio aeroespacial que se quere desenvolver (semella, tamén que sen alicerces estábeis) a medio da estrutura física de  Rozas-Lugo e da titulación universitaria da Uvigo no campus de Ourense.  Nin das posibilidades xurídicas de nacionalización dende as competencias industriais do Goberno galego.

Dende o coñecemento do contexto económico amosado polo xornalista José Luis Gómez e do contexto xurídico (europeo, estatal e estatutario galego) reflectido nas recentes manifestacións do profesor da UDC Carlos Aymerich, semella que a proposta de máximos do conxunto da sociedade mariñá e do BNG, UGT, CC.OO e CIG é a única viábel. E que os Gobernos galego e do Estado, dende a súa inoperancia industrial a respecto do problema de Alcoa, constitúen arestora parte do problema.

Certo tamén que a adicional inoperancia do Goberno do Estado a respecto do estatuto da industria electrointensiva é fulcral para a sobrevivencia de Ferroatlántica, Megasa e outras varias industrias galegas. Mais ésta é outra historia.

Alcoa: dous gobernos inoperantes

Te puede interesar