Sábado 23.03.2019

Que xente leva o meu carro!!

Nas clases de lingua a gramática que o profesor Guillermo Carballo impartía na Academia Santiago Apostol de Barallobre, cando eu rapaz, sempre nos decía que, “el plural de gente es gente”. Gente es un conjunto, una colectividad, una pluralidad de personas, por lo tanto lleva ya el plural incorporado. No se puede decir una gente, varias gentes, o aquellas gentes.

A lección do mestre quedou retida na miña memoria ata hoxe, como quedou o seu xeito de ensinar para que foramos persoas preparadas e cultas, anque de cando en vez nos dese un losqueón, tamén a imaxe e a lembranza do, para min querido profesor.
Ás veces leo artigos de coñecidos e recoñecidos xornalistas, novelas, relatos biográficos e escoito locutores de radio e presentadores de televisión que utilizan o termo “gente-xente” coa terminación en consoante “s”.

Lembro as leccións do profesor Carballo, anque sen dubidar do seu saber, roeme o becho da curiosidade e consulto libros que tanto saben.

A cantos pedín información, diccionarios da lingua e enciclopedias, din o mesmo: Pluralidade de persoas. Conxunto de persoas indeterminadas en número. Tal que nos decía nas súas maxistrais leccións o mestre.

No Diccionario de Fraseloxía Galega, das profesoras Carmen López Taboada e Mª Rosario Soto Arias, editado por Xerais, atopo e recollo a seguinte frase: “Déixate de tanto farrapo e fai o favor de te vestir coma a xente”.

Tamén varios refráns do repertorio popular galego-castellano confirman a invariabilidade da palabra: a) “Ande yo caliente y ríase la gente”. b) “Xente nova e leña verde, todo é fume”. c) “Xente ás leiras, quen dixo medo!.

Don Ricardo Carballo Calero (Ferrol 1910 – Santiago de Compostela 1990), membro que foi do Seminario de Estudos Galegos e da Real Academia Galega, prestixioso poeta e escritor, publicou no ano 1950 a novela “A xente da barreira”, e don Eduardo Blanco Amor, escritor e xornalista, académico da Real Academia Galega, publicou “Xente ao lonxe” (1972) e “Teatro para a xente” no ano 1974.

Seguirei escribindo namentres a mente e a vista funcione, para a miña xente. Xente de ben e de paz. Anque abofé, non quixer correxir a ninguén, moito menos dar leccións, xa que eu son quen máis as preciso. Todos os días aprendemos algo, tantas veces de quen menos agardemos, sen máis aquel.

Por suposto, tanto na fala coma na escrita puidere haber , certa licencia que ao meu entender non debera ser falta grave de tarxeta roxa por transgredir unha norma gramatical, como neste caso do plural de “gente- xente”. Quen non cometeu un fallo por se atrapallar no momento, por omisión ou erro. Incluso premeditado?

Xente pois, é unha palabra moi utilizada en todas as linguas. Xente común, fora do común, da vila, da cidade. Xente da política, da empresa, moza, vella, con ganas de vivir, de saber, coa súa felicidade ou cos seus problemas.

Xente de palabra, de entendemento. A xente, as persoas debemos de nos entender falando. A palabra, coma a música e a arte, son universais. Poida, eu sempre o penso, en que chegará o día en que o Mundo se arranxe sen pelexas, sen guerras, sen odio. 

Onde o corazón e a conciencia desa xente, que vivindo neste globalizado mundo tecnolóxicamente tan avanzado, que os seus instintos básicos os levan a aglutinar, de xeito ilícito, riquezas de todos á conta da explotación salarial; tantas veces da esclavitude.

Xente, que os seus instintos animais os achegan a un éxtase de egoísmo e de cobiza, verificando as riquezas que fixeron á conta dos demais.

Xente, que se pensaran humanamente, saberían que antes ou despois, terán que pasar por onde pasaron e pasaremos todo ser viviente, e que de nada lles servirá no mausoleo, nin as riquezas interiores nin as exteriores se o mal está xa feito e a xente abusada non esquece ao abusador, anque estea vestido con mármore de Carrara.

Insolidarios, xente insensata e histríonica, baixen dese seu mundo de altiveza e vaidade no que tanto sobra, vendo o que tanto falta nestroutro. Mediten cinco minutos, e quizais poidan durmir en paz.

Alixeirar a codicia axuda a durmir mellor. Proben, quizais lles dea resultado positivo.

Que xente leva o meu carro!!
Comentarios