A María de Piñeiros no Oito de marzo 2017

Benquerida María: Lémbrome de ti case todos os días. Foron dez anos de convivencia veciñal moi achegada. Souben das túas alegrías e tamén das túas moitas penurias e dificultades. 
Vén aí o oito de marzo, día da muller traballadora, e quero renderche a meirande gratitude. Porque te coñecín e admirei sempre a forma que tiveches de sacar a vida adiante. Moitas veces viñeches falar comigo para pedir un consello ou mesmo unha axuda para ti, para os fillos, para os teus.
Si, María. Non te fagas a despistada. Ti es esa muller, nena ou anciá, moza, casada ou viúva, sempre traballadora, que che tocou vivir en calquera das casas da nosa benquerida parroquia entre os anos 1968-1978.  
Tamén te lembro, xa velliña, no Asilo-Residencia San José. Cantas veces me viñeches contar a túa vida, por veces no confesionario, outras nos mesmos corredores ou na sancristía da capela. Por veces recollín as túas bágoas, outras as soidades e tamén as alegrías cando me falabas dous teus. (Cantos deles daquela xa finados ou polo mundo adiante na emigración). E lembro aquela sor María, calquera das monxas, que daban de si o mellor que tiñan.
Moitas daquelas Marías erades nenas na catequese ou iades nas marchas a pé os domingos pola tarde cara a Fervenza ou a Presa do Rei. En fila de dous polas beiras da Estrada de Castela, axudados de moitos dos vosos pais ou doutras Marías xa máis medradas que axudaban na catequese ou nas actividades parroquiais, tipo teatro, etc. Tiñamos dous  chifres con distinto son para que ninguén saíse da fila. Nunca tivemos un problema. Así erades de obedientes. Moitas agora xa sodes avoas ou mesmo bisavoas. Van alá máis de cincuenta anos. Dalgunhas vin a esquela nos xornais e, no posíbel, achegueime ao tanatorio. E sempre recei por ti, querida María.
Un día preguntáchesme por que che chamaba María. Vouche contar un segredo. Antes do Concilio Vaticano II a todos os nenos e nenas ademais do nome familiar a Igrexa engadía o nome de María e así se escribía nos libros de bautismo das parroquias. Porque na Igrexa dicímonos irmáns e familia. De aí, José María, Antonio María, etc. Eu mesmo aínda levo tamén ese nome. E as nenas de daquela, por suposto, todas.
Por iso, cando chega esta data, quero solidarizarme con todas as Marías do mundo. Quero “ben-dicir” do teu ser de muller. Quero reclamar que nunca máis ningunha María do mundo sexa maltratada nin tratada mal. Nunca máis ningunha outra morta, ameazada, aldraxada, vendida, desparecida, traficada, prostituída, asoballada, escravizada,...  Nunca máis! 
Na túa figura, María, quero pedir perdón como home por non termos feito todo o posíbel para que nunca máis os homes perdamos o sentido de que ti es a miña nai, a miña, irmá, a miña filla, a miña netiña inocente, etc. Es ti, muller, e abonda.
Querida María de Piñeiros. (Piñeiros para min é todo o mundo, xa que para min Piñeiros foi unha parroquia de grandes responsabilidades nos meus anos máis novos).  Pois para ti reivindico igualdade, respecto, amor, cariño, oportunidades de formación, saúde, sanidade e promoción en todos aspectos. Igualdade de salario e trato respectuoso. Xustiza na túa vida e na túa maternidade e sempre, sempre, recoñecemento porque pos moito máis esforzo e valor na existencia do que todos nós xuntos. Xogas a vida.
Que por que che escribo? Pois porque eu tiven unha María na miña vida a quen non coñecín, que deu a vida para que nós tivésemos vida. Chamábase María da Soidade. E tamén, na ausencia dela, como crente, sempre tiven moito aquel e ao meu carón a maternidade de Santa María, a bendita entre as mulleres. E nelas dúas sempre me ensinaron a ver todas as Marías.
Para ti, María de Piñeiros, todos os días, tamén no oito de marzo, para ti toda unha vida de bicos. E quérote viva, chea de vida. Sempre viva. Sempre teu, Xaquín Campo Freire. 

A María de Piñeiros no Oito de marzo 2017

Te puede interesar