Que ben é saber ser cada un do seu tempo (e II)

Por que o Papa Francisco ten tanta oposición ou incluso detractores? Para grandes épocas cómpren grandes dirixentes. El está tentando selo. Os das poltronas, non.
Toda persoa ten dereito a decidir sobre calquera práctica ou determinacións que teñan relación coa súa vida. En bioética fálase moito do principio da autonomía: a capacidade da persoa para autogobernarse, de elixir libremente. O principio de autonomía obriga ao profesional e aos demais  a respectar os valores e opcións persoais de cada individuo naquelas decisións básicas que lle atinxen. 
Pero as resolucións hai que tomalas a tempo e “con sentidiño”. Cando aínda podemos gobernar e gobernármonos. Cando temos forza propia e capacidades físicas, emocionais, mentais, relacionais e de boa lucidez espiritual. O medo é moi mal compañeiro.
O último sínodo diocesano de Mondoñedo, (1961), números 39 e 272, manda que todos os sacerdotes fagan testamento e que, chegado o momento, se poida dar con el facilmente. Esta medida de sabia prudencia vale para todos. Que importante é saber dispor a tempo do destino dun mesmo e das cousas propias cando aínda se rexe. Cando teño voz propia. Logo virán intereses, tirapuxas, discusións, porfías, retesías, rivalidades, tensións, liortas e xenreiras. E, por veces, daranse sen pudor na propia presenza. Pero daquela devórante. Xa non tes forza. Xa non es ti. 
“Que o home traballe con sabedoría, con ciencia e rectitude, e ver que todo o teu esforzo vai ir ás mans de quen nunca cho mereceu nin che axudou no traballo, tamén isto é vaidade, grande mal e caza de vento”. (Ecl 2,21).
 “Non estar nunca só e menos nos asuntos arriscados”. “Nin pretender dos amigos máis do que eles che poden dar”. (Núm. 258).
Un certo grao de distancia e soidade tamén poden ser construtivas. “Aprender a utilizar a ausencia para gañar en respecto e estima”. “As calidades deslustran coa familiaridade”. 
E mentres for posíbel, importa valerse en por si. “A liberdade é máis preciosa do que as dádivas. Xa que se perde con elas”. (Núm. 286). Non deixarse enganar. Non é o mesmo amizade, cariño, gratitude que palabras ocas.  “O engano entra habitualmente polos ouvidos, polas garatuxas (lisonxas). Pero sae polos ollos”. (Núm. 282). Serán bágoas de impotencia, rabia e frustración. Non o esperaba de ti, de vós! 
Algúns ven en Qohélet, o sabio, un pesimista existencial. Non será máis ben unha análise sa e realista para unha cura holística da persoa?
 Neste senso Garuady dicía: Nacemos moi dependentes. O neno sofre moito porque axiña se prende de todo canto ve. Non sabe ser aínda libre. Ao irmos medrando imos deixando o accidental para centrármonos cada vez máis no esencial. De tal xeito que ao avanzarmos en idade podemos ir adquirindo xuventude. Podemos ser máis libres e desprendidos. Fronte a todo isto a senda que a psicoloxía humanista nos indica será sempre a do   optimismo vital nun proceso educativo-liberador. Esa tamén é utopía evanxélica de Xesús de Nazaré. No centro o reino de Deus e a súa xustiza. O resto flúe por coherencia. Cómpren profetas e minorías abrahámicas. Que ben cando cada un sabemos ser do propio tempo. 
 

Que ben é saber ser cada un do seu tempo (e II)

Te puede interesar