Pinchecarneiro

O que fai Manuel Pombo, ferrolán, tan ferrolán como dicir para sempre, que iso é esta cidade, para sempre, malia os paxaros de mal agoiro. Quen bota un pinchecarneiro, como quen ceiba un aturuxo, cando apaña a súa máquina de fotos, de autodidacta (iso di el, mais eu non termino de acredítalo, que ser de Ferrol é nacer aprendido). E vai o Manolo Pombo e toma instantáneas e acada instantes, intres, momentos como un mago que tira flores da manga, ou pombas ou coellos da chistera. E a cousa é que Pombo ten cousas de “vedutista”, xa saben aqueles que mudaban os monumentos do seu lugar para poñelos noutros, como –díxeramos– poñer o Belelle desembocando n´A Malata, coa Igrexa do Carme de fondo, non sei. Certo, Manuel Pombo non chega a tanto mais é quen, nas súas fotos fermosísimas, de redobrar, invertíndoas, a Orde Terceira e San Francisco, de reflectir o edificio do Concello, revirado de novo, nunha pucharca na que se molla unha pombiña ou –en fin– facer que o Hotel Suizo se perda nun ceo de adoquíns. Bos, moi boa esta exposición de Manuel Pombo na Casa de Galicia, de Madrid (deica o 27 de abril). Na que me fun perdendo, logo de cruzar a fume de carozo Recoletos e o Paseo del Prado (en Madrid, xa sabe, a certas horas ou das unha conferencia ou es ti o conferenciado), tan perdido cal o “Anxo” de Asorey, entre da néboa. Recuperei o rumbo co sorriso amable de Manuel Pombo. Quen foi meu anfitrión en “Ferrol en reflejos”. E eu tan contento neste Madrid en abril difuminado. Así o Ferrol de Manolo Pombo. Grande.

Pinchecarneiro

Te puede interesar