Miércoles 21.11.2018

Oliver Villar

Hai dez anos eu fora a Cartagena, entrevistar para DdF a Don Ángel

Hai dez anos eu fora a Cartagena, entrevistar para DdF a Don Ángel  Oliver Villar, coronel de infantería (de mariña), e novelista en exercicio. Oliver tiña daquela noventa anos (nacera en Montecoruto-Serantes, en 1918) e unha lucidez extrema. Do noso encontro, nun bar ao pé de da súa morada, na Calle Cañón, saíra unha entrevista publicada nestas páxinas naqueles días. Tamén unha amizade que se mantivera dous ou tres anos polo fío telefónico. Logo, o silencio. A vida évos así; bulimos como loucos, de aquí para acolá e non damos abasto para canto queremos (e -xa que logo- debemos). Oliver, autor dunha novela, “Días turbulentos”, finalista do Nadal, comezo dunha triloxía nunca completada, sobre o Ferrol da volta do século dazanove. Don Ángel, ademais, novelara os días da guerra civil en Cartagena e mesmo publicara unha guía monumental sobre a rexión de Murcia. Escritor de fondo o noso paisano escribira moitos artigos e unha novela, en plan realista-fantástico, titulada “Las ánimas de Monte Coruto”. Levo días pensando nel. Hai días que din en pensar que igual Ángel Oliver segue vivo, centenario xa, porque nada atopo que me diga o contrario. Nin internet, nin a sección de cultura de “La Opiniòn” (de Murcia e Cartagena), nin o concello desta última cidade. O teléfono que del tiña, comúnicame unha voz enlatada, xa non existe. E a SGAE, onde Oliver ocupara un cargo nos anos sesenta, non sabe (aínda que si contesta). E eu quero, lévame a vida, saber do meu amigo, e admirable novelista, de Ferrol e o seu pasado. ¿Alguén podería darme novas de Don Ángel Oliver Villar, todo un señor, perdido na néboa? Deixo o meu correo eléctrico, a ver se no seu río alguen pode deixarme sinal do home: [email protected] Ficaría moi obrigado.

Oliver Villar
Comentarios