Manolito o farmacéutico


Non vía eu estes días, con luz de agosto, a Manolito “O Farmacéutico”. Non nada boticario, si de cando os auxiliares de farmacia eran mancebos, mais dotado de coñecementos, sabedoría e retranca apotecarios, na botica de Jacinto Portela, onde a ponte do Belelle, no edficio dos Parrandos. Non vía a Manolito, digo, paseando por Neda, co seu paso bulidor pero tamén pousón de home miúdo aínda que grande. E era que a da gadaña tiña a súa arma no afiador. ¡Manuel Rodríguez! Amigo meu desde que o fixeran traballador exemplar, medalla de ouro do Concello de Neda, cadrando con Fausto Cansado e comigo como fillos predilectos nedenses. Desde aquela partillaramos moitas cousas, o cariño á súa filla Ángeles (¡un bico grande, neniña!) entre outras. A parolar da Neda que xa non voltará nunca máis. Co seu pai, Ladislao, rexentando concorrido bar na Patrona. Onde hoxe está Electrodomésticos Pena e estivera, na súa fundación, un café-cantante (diríamos) chamado La Casualidad. Ideado polo meu ancestro Benito Rodríguez del Villar, “Benito de Cidre”, dono –en Ferrol– do Ideal Room. Historias lonxanas como as que nos prestaban a Manolo Rodríguez e a mín. Practicante de urxencia que fora de todos nós, nun momento ou noutro. En labor compartido con Ipe, outro que se nos foi hai ben pouco. Vaisenos, en fin, moita xente boa (a mala, tamén, lástima fora) e un pensa que que mágoa. Que a persoas como Manolito “O Farmacéutico” compriría clonalos.
 

Manolito o farmacéutico

Te puede interesar