Lá vai Benedicto

Ano e medio despois de que marchara Bibiano lá que se nos vai o Ito, Benedicto García Villar, santiagués de 1947. Cofundador de Voces Ceibes, aquel enxeño de canción belixerante que nunca acabou de morrer, e ollade que tivo inimigos. E que medio século despois, nacera o 26 de abril de 1968, é quen de nominar rúas ou adobiar teses doutorais. Voces Ceibes, imposible entendelas, sen a presencia de Benedicto, bulidor, activista, docente, cantante “engagée”, compañeiro de José Afonso antes de que Grándola fose o revulsivo da última revolución lusa. Ito vén de morrer logo dunha doenza longa que non acabara en esquezo poisque a música ten cousas de vento mareiro que deixa o seu eco nas ondas. Mais antes desa reclusión de anos, dos que nos viñan chegando novas tan discretas como a figura, enxoita do cantante, houbera moitas cancions, moitas proclamas en directo de cando cantar era berro e voz do pobo e loitemos que o sol segue queimando. E era tamén a carta a Fuco Buxán que nunca chegara gravarse e  “O enterro do neno probe”, de Pimentel, se cadra a música mellor do Ito, con que me vexo, agora, en Santiago, en Madrid, en Londres (e Zeca Afonso a ollar carreiras de cabalos naquel televisor, tan alleo ás cousas literarias como –seica- Antonio Machado atento aos seus sentires cotiáns). Benedicto García Villar,  santiagués mais do mundo enteiro. ¿El que era o Ito?  Direino: cantatautor, mestre, sindicalista. Mais, sobre todo, ao xeito unamuniano, desde as contradiccións de estudante católico progresista que devén comunista despois: un home enteiro.

Lá vai Benedicto

Te puede interesar