De Neda a Pontedeume

Esta etapa, dazaséis quilómetros, preséntase de novo suave, con ese carácter macio que ten un camiño ben deseñado e pracenteiro se non fose por dous puntos negros que axiña enumarerei. 

Mais de momento estamos en Neda, diante do vello Hospital de Peregríns, que fundara miña ancestra, en liña directa, Margarita Fernández del Villar. Aquí, o activo e bulidor alcalde de Neda, Don Ángel Alvariño, fai o “rendivú” aos camiñantes que comigo van (catro anos consecutivos). E nós tan contentos antes de deixar Neda polo Regueiro, Puntal de Arriba Conces, para entrar en Fene, cruzando -semáforo, paso de cebra- a N 651, que nos leva ao Concello. Onde a cordialidade, selado de credenciais e demais, é sempre norma. E agora falarei dun “detour” ou desvío á Capela de Santa Ana, apenas cincuenta metros dunha costa levadeira. A chave, en poder dos veciños. A capela, propiedade dos Neira (parentesco no que tamén me honro), recuperada por esta exemplar veciñanza. 

E agora, monte baixo, panorama fermoso da ría, ata chegar ao polígono Vilar do Colo, punto negro, asfalto en estado purísimo, que se beirea antes de acceder, logo de pasar por Laraxe, lembrando as fabadas pantagruélicas que tanto lle prestaban a meu pai, no que fora restorán ao xeito asturiano e logo máis cousas e hoxe edificio arrumbado, ao concello de Cabanas. Tan rural e espallado que nin ten, en puridade, un núcleo central (como acontece con Narón; este pasara, de feito, de Xuvia ao Alto do Castaño, por onde non transcorre o Camiño Inglés, claro). 

En Cabanas algún “craneo privilegiado” (diría Valle, en “Luces de bohemia”) decidira que xa non se vaia pola Pena do Pico e o Batán, que nos levaban direitiños á Praia da Madalena (isto aínda no verán de 2017) senón por ese espazo polo demais fermoso e naturalísimo de A Veiga, mais co problema de ter que cruzar, ao bruto, a N 651, moi transitada. Mais o lugar previsto para o cruce non ten túnel, pasarela nin -tan sequera- un paso de cebra que o facilite. De maneira que tratándose dun grupo grande, cal é o meu, debemos de poñernos dous nachiños (ou nachiñas, ou nachiños e nachiñas) para parar o tráfico e interromper en plan ventureiro a marcha –acelerada– dos vehículos. 

Deus queira que estea nun erro mais calquera día vai haber nese cruce unha desgraza. Tome nota quen corresponda, faga o favor, antes de que teñan de saltar as bágoas. E dpor esa banda, na que xa estamos, accedemos a Pontedeume. Ben ententido que por aí seguirá quen queira proseguir, todo seguido, para Miño, que nós queremos praia polo que, sempre en Cabanas, na entrada anterior ao Hotel Sarga imos direitos ao areal da Madalena. Un plus para os camiñantes cansos, aínda que tan só fixeran hoxe dazaséis quilómetros. Ah, mais os meus cativos madrileños desfrutan de area tan diferente á que catan en Levante ou Andalucía, ollando para a ponte do ferrocarril, azul intenso, e pensando nas costas de Breamo que haberán de subir mañá. Que esta noite toca durmir en A Casqueira, pavillón deportivo, eles, eu en Allegue ou Hospedaje Norte, os dous nunha praza recoleta onde houbera un convento. Noite prácida cun aquel de Medioevo, cal Pontedeume, vila que ten un aquel de soño no solpor dos Andrade.

De Neda a Pontedeume

Te puede interesar