Adeus, Xohana

Aínda que nacera en Santiago Xohana Torres era tan de Ferrol como a Porta do Dique. Ese Lorref dos seus poemas. Este Ferrol onde fora moza, alumna de Don Ricardo Carvalho, quen prologara “Do sulco”, publicado en 1957, a miña iniciación á literatura galega, nunha casa onde había moitos libros, mais na nosa lingua tan só estaban os de Rosalía, Curros, o propio Carvalho, “Sete poetas galegos” e o primeiro de Xohana, amiga da familia. 
Tanto que andando eu frouxiño no Latín de 4º a miña tía, Felisa Araguas, botara man da súa sabencia para que me adestrara nos labirintos da materia aquela que, por certo, eu acabaría amando. Xohana aprendíame Latín nun mirador de Hospital, 6º, 2º, en edificio achaflanado do arquitecto, e músico, coruñés Rodríguez- Losada Rebellón, e con ela partillaba a César e o arroz con leite do San Xiao de 1964. Xa choveu. Logo Xohana deixara Ferrol para navegar, “eu tamén navegar”, co seu home, mariño mercante. E andivera os sete mares con recaladas, sempre, sempre, en Ferrol; aínda que a súa residencia era agora en Vigo, na Rúa Camelias. 
E así lembro a Xohana presentando no Instituto, o libro de poemas de Julián Vivanco, “Sin voz y sin palabras”. No mesmo Instituto, o único daquela, onde fixera de actriz da man de Don Victorino López. E outro Vivanco, Fernando neste caso, tenme falado da voz e máis da presencia escénica desta muller, guapeteira por dentro e por fóra. Quen devecía polos fados de Amália Rodrigues e abrira a porta grande da poesía galega nun tempo confuso e confundido. Vén de morrer Xohana Torres e Ferrol ten, debera, unha pena grande..

Adeus, Xohana

Te puede interesar