viernes 27/11/20

Vai sendo hora de vos poñerdes bravas

Este 8 de marzo comeza un novo día de loita das mulleres, onde unha parte importante destas (por desgraza non todas) van mobilizarse, coa finalidade de visibilizar e denunciar o trato discriminatorio en todos os ámbitos da sociedade que sofren, polo simple feito de seren mulleres. Tamén, nesta data, unha vez máis, vaise esixir aos poderes da sociedade, en mans dos homes, que se tomen medidas reais e efectivas, para evitar a lacra da violencia de xénero. Violencia que só nos primeiros dous meses deste 2020, xa cobrou seis mulleres mortas na Galiza a mans das súas parellas.

Con certeza, as mulleres nestes últimos cincuenta anos conseguiron atraer para elas dereitos (aínda que estes foron e seguen a ser concedidos polos homes, o que, quizais, sexa a raíz do problema), mais moitos outros seguen a serlle negados, debido á sociedade patriarcal en que vivimos, sociedade que ten no machismo o seu sustento. Grazas a mulleres bravas como Simone de Beauvoir, entre outras, as mulleres lograron denunciar e facer visíbel a existencia dunha sociedade inxusta, desde calquera punto de vista no referente á igualdade entre homes e mulleres. Mais o patriarcado, ante este novo posicionamento das mulleres na sociedade, evolucionou para seguir tendo o poder. É dicir, tendo os homes o control dos recursos. Porque é indubidábel que a finalidade e o obxectivo do machismo, en definitiva, da sociedade patriarcal é este: o control dos recursos por parte de quen ten neste caso a forza bruta, é dicir o xénero masculino.

É innegábel que en moitos aspectos seguimos como hai oitenta anos, no referente a igualdade de xénero. Se non basta con botarlle unha ollada ao último informe da CIG, onde os datos que dá son arrepiantes. Datos como que de cada cen excedencias por fillas, noventa e dúas son mulleres quen a collen, ou que de cada cen supresións de traballo para coidar dependentes preto de setenta e dúas son mulleres quen se acolle a este dereito, etcétera. Mais nos salarios tamén os datos son aterradores. Segundo os datos deste informe, por norma, as mulleres, a igual traballo que os homes, cobran un 20% menos de salario, algo incríbel nestas alturas da historia, nunhas sociedades que se denominan desenvolvidas e nunhas socialdemocracias que encheron a boca en falaren da xustiza social feita desde o capitalismo, e como desde hai moito tempo moitas de nós, estivemos e estamos a comprobar nunca conseguimos chegar á nosa finalidade. Ademais, as mulleres son maioría naqueles traballos onde os salarios son máis pobres e teñen peores cotizacións, algo que vai ser unha lousa moi pesada para a súa etapa final da vida, xa que van recibir pensións de miseria e van seguir perpetuando que as bolsas da pobreza sexan maiores nas mulleres que nos homes no momento da vellez. Tamén cabe destacar que as mulleres son maioría no sector servizos e nos traballos a tempo parcial, a gran maioría destes últimos non por vontade propria.

Mais, noutros aspectos da sociedade, as mulleres seguen a ser tratadas dun xeito desigual, a fin de contas discriminatorio, en relación ao trato que se lle dá aos homes. Hoxe en día seguimos a ver nas revistas para adolescentes que o éxito das rapazas pasa por se poren guapas cara á sociedade, casar, andar á moda e teren fillas. É dicir: O éxito da muller debe ser, segundo estas revistas, de portas para dentro do fogar, cando o éxito que debía inculcarse é pórse guapas para se gustaren a si mesmas e preparárense para triunfar na sociedade. É dicir: de portas para fóra do fogar.

Porque, como sinalaba antes, o patriarcado evolucionou de tal xeito que, desde hai uns anos, estase a comprobar en países como os EUA que dentro dos grupos de estudantes universitarios, moitos dos cales, van ser os futuros dirixentes destes países, o machismo colleu unha nova forma. Estes mozos defenden a ultranza que as mulleres deben cobrar a igual traballo igual salario, que as mulleres deben ter as mesmas condicións nos ascensos aos postos na cúspide das empresas, do estado, etcétera, mais seguen a defender que sexan as mulleres as que fornezan de coidados o fogar, da crianza das fillas, etcétera. É dicir, o modelo produtivo- reprodutivo da sociedade, onde as mulleres cumpren o rol da reprodución, con todo o que isto carrexa (fornecedora de coidados aos seres queridos, o rol principal nas tarefas do fogar), mentres que os homes eran os encargados principais de traeren os recursos á casa, é dicir, a súa función era produtiva, colle agora unha nova dimensión, co fin de non perder a nosa posición privilexiada e vantaxosa na sociedade con respecto das mulleres. Cómpre evocar aquel dito do nacional-catolicismo, aínda hoxe repetido por moitos machistas, de que unha muller cando ve un bebé enternécese e sáelle a vea de nai, algo que a ciencia xa demostrou que non é certo con numerosos estudos científicos. Mais isto tamén segue a perpetuarse con este nova redefinición que colle o patriarcado.

Porque, ao final, como dicía o sociólogo e historiador Charles Tilly, as nosas sociedades funcionan a base de crear desigualdades sociais, onde uns grupos sacan vantaxes e privilexios sobre outros, a base de categorizar socialmente: blancos-negros, válidos-minusválidos, cultos- incultos, ecétera, mais tamén homes-mulleres. Cando o que tiña que ser non é homes-mulleres, senón seres humanos ou se o prefiren, persoas.

En definitiva, este 8M a muller galega é fulcral que se mobilice e obrigación indiscutíbel de nós, os homes, axudarmos en todo o posíbel, para que ese día todo saia ben. Mais as galegas, cando secundedes a mobilización, non debedes pensar que vos mobilizades porque tedes dereito a facelo, debedes pensar que vos mobilizades porque tedes a obriga como mulleres de loitar pola igualdade. Porque como dicía un dos máis grandes referentes do nacionalismo moderno, refírome a Bautista Alvarez, fundador da UPG e durante anos líder do BNG: Cada galega debe levar nunha man o Sempre en Galiza e na outra o “Manifesto Comunista”. Eu digo que: Cada muller galega debe levar tamén na súas mans, ademais das dúas obras citadas anteriormente, debe levar tamén O Segundo Sexo de Simone de Beauvoir. 

Así que, xa sabedes, vai sendo tempo de que vos poñades bravas e como dicían os míticos Kortatu “ A la calle a mostrarse al cuerpo que ya es hora”

Comentarios