A saúde pra todos

O próximo sábado sete de avril, día mundial da saúde,día o cal celebrase baixo o lema a saúde pra todos, aproveito a data pra escribir sobre outro dos grandes problema que atinxen a Galiza desde fai tempo como é, o funcionamento do noso sistema sanitario. Un sistema sanitario público, mais cada ano máis privatizado, desde a chegada de Nuñez Feixoo ao governo da Xunta. Aínda que hai que dicir, que o primeiro en privatizar o sistema de saúde foi Felipe González cando existía o Insalud, é certo que os governos do PP meteron lle e meten lle máis rapidez na privatización deste servizo. É indudável que privatizar a sanidade todo de golpe non é posíbel xa que, o governo que o fixese, atoparíase con grandes protestas e fortes disturbios perdurábeis no tempo sobre todo, naquelas épocas, onde a clase traballadora estaba máis comprometida na loita social e con todo o mundo en contra, non quedaríalle a ese goveno, outra opción que dar marcha atrás na proposta, ademais de sufrir un considerábel desgaste. Por iso tanto o PP como o PSOE, entenderon que o mellor e máis intelixente, era e é privatizala pouco a pouco, por anacos, sen que nos vaiamos dando de conta. Porque nisto radica o éxito da privatización; que non nos demos de conta.
Desde a chegada de Nuñez Feixoo a privatización do Sergas deu pasos axigantados. Privatizaron se as ambulancias, o telefone de cita previa, os departamentos de investigación, a privatización del laboratorio central, a privatización de hospitais, o servizo de catering, o servizo de limpeza entre outros, sendo os beneficiarios destas privatizacións, as empresas dos grandes oligarcas do estado afines ao PP, sobre todo aquelas, onde de altos cargos estaban familiares dos dirixentes do PP, como a coñecida irmá de Feixoo.
Mais outro dos xeitos mellores pra privatizar servizos públicos entre eles a sanidade é facendo que estes servizos non funcionen axeitadamente, co fin de xustificar a súa privatización e deste modo consigue se que a maioría da poboación, acepte os e non proteste. En isto no PP son auténticos linces e aínda que desde os diferentes movementos que na Galiza, creemos nas potencialidades e capacidades do noso país, moitas veces sinalamos e xulgamos aos dirixentes do PP como incomPPetentes, a realidade é que son xente moi competente e intelixente. O problema é que non usan esa intelixencia e esas competencias, pra beneficiar ao conxunto da sociedade, senón que a utilizan pra beneficiarse así mesmos e aos seus.
Porque o primeiro que hai que facer pra que un servizo publico non funcione, é recortar en persoal e recortar no seu presuposto orzamentario e en isto o PP na Galiza, aplicou ben a lección. Nos derradeiros tempos e sobre todo coa desculpa da crise, o PP de Feixoo recortou cerca dun 40% en persoal no Sergas e cada ano dedica lle menos cartos a sanidade pública, mentres que ao mesmo tempo dedica lle máis cartos públicos a sanidade privada (de cada 100 euros do presuposto da sanidade na Galiza, nos últimos anos máis de 30 euros van pra a sanidade privada). Con isto tan sinxelo o que están a conseguir os do PP, é que o sistema sanitario en Galiza este saturado e os servizos non funcionen, tendo grandes listas de espera pra todo tipo de consultas e intervencións. Ademais o stress que están a sufrir os diferentes profesionais sanitarios xa que, polos recortes no persoal fan que estes teñan que triplicar o seu traballo, leva a que os doentes non teñan a calidade do servizo indispensábel. Deste xeito, pode se xustificar o desvío de pacientes do sistema público ao sistema privado, como estase a dar na actualidade. Hoxe en día unha de cada tres urxencias sanitarias desvíanse ao sistema privado, o 25% das consultas externas desvíanse aos centros privados e cerca do 40% das intervencións cirúrxicas realizan se en hospitais privados. Con todo isto é normal que no 2016, a sanidade privada na Galiza obtivera cerca de 400 millóns de euros en beneficios.
Lembro me de un anuncio nas TV, vai xa uns anos, de un coñecido seguro médico privado, onde o gancho deste, era unha muller grávida que ía dar a luz en unha habitación moi luminosa, chea de ramos de flores e con enfermeiras todo o tempo coa futura mama. O anuncio viña a dicir que as futuras mamas que tiveran ese seguro médico, a hora de parir, ían estar como na súa propria casa. A realidade é que moitas flores si, máis si na hora do parto algo se complica, ambulancia do 061 e pra o CHUF e si é algo moi grave, pra o Materno Infantil da Coruña. 
Porque a realidade é que xamais e digo ben, xamais ningún sistema de saúde privado poderá competir en dar unha asistencia medica ao mesmo nível, que a pode dar o sistema de saúde público. Xamais poderá por ao servizo de toda a poboación (algo que é un dereito) os insumos sanitarios necesarios nin tan sequera, poderá competir en por os orzamentos necesarios pra unha asistencia médica de calidade. Proba disto son os EUA, onde o sistema sanitario esta en mans privadas e onde os pacientes con enfermidades como cancros u outras patoloxías graves, cando o paciente pasa determinado tempo no hospital cun tratamento moi caro, o seguro medico privado deixa de facerse cargo e de seguida, un vixiante de seguridade invita ao doente a deixar o hospital e irse pra casa, salvo que teña aforros co cal, poderá seguir co tratamento ata que duren os cartos. 
Xa pra rematar, cómpre que a sociedade galega tome conciencia do importante que é manter e mellorar ano tras ano o noso sistema de saúde público, investindo en máis persoal capacitado, investindo en investigación en definitiva, poñendo mellores insumos sanitarios ao servizo da poboación galega pra que deste xeito, como di o lema deste ano da OMS “ A saúde pra todos” e todas.

A saúde pra todos

Te puede interesar