O demagogo ilustrado

Hai escasamente uns días terminei de ler o libro “Verdade e mentira na política” da filosofa xudía Hannah Arennhdt. Un libro do máis interesante, onde se fan reflexións como que a mentira sempre foi vista como unha ferramenta necesaria e xustificábel para a actividade non só dos políticos e demagogos, senón tamén dos homes de Estado. Unhas liñas máis abaixo pregúntase a escritora se é esencia mesma do poder ser falaz.
 Empezo este artigo con esta introdución debido ao paripé montado pola Xunta de Galiza e o señor Feixoo, na presentación hai unhas semanas da Estratexia Galega de cambio climático e transición enerxética 2050. Un Feixoo que se mostrou radiante cara ao público enarborando a bandeira galega, aliás española, na loita contra o cambio climático. Atreveuse incluso a citar as raíces do nacionalismo galego, citando a Otero Pedrayo e a súa Galiza dos seiscentos ríos. Neste punto teño que aclarar que quedei un pouco descolocado con isto dos seiscentos ríos, xa que eu tiña entendido que Pedrayo falaba da Galiza dos dous mil ríos. Máis estou por asegurar que Feixoo se referiu aos 600 ríos, debido a que os outros mil catrocentos xa non son das galegas e galegos, senón que son das enerxéticas vascas e catalás.
Xa que o noso demagogo ilustrado o Sr Feixoo non se debe lembrar da segunda incineradora pra queimar o lixo que ía construír, do plan Move pensado exclusivamente para fomentar o uso do coche particular, por non falar da anulación do Plan eólico do bipartito o cal, aparte de apostar pola enerxía limpa, ía deixar os beneficios desta explotación no noso país creando milleiros de postos de traballo algo esencial e urxente na nosa terra. 
 Como dicía, o que me deixou realmente preocupado, foi a intervención dos dous “científicos” invitados e a azafata que presentaba o congreso, xa que, ao final, descubrín que non era tal azafata senón un alto cargo do governo. Esta persoa atreveuse a afirmar, que o eucalipto era unha especie que favorecía a diversidade no monte, que desempeñaba un papel fundamental na captura de carbono da atmosfera e que creaba moito traballo. Despois de dicir isto (sen comentarios!) mandou un saúdo a un alto cargo de Ence que estaba no auditorio.
Arreo os dous “científicos” nomearon repetidamente o ben que está Galiza (acho que viven todo ano en Bruxelas) e dixeron repetidamente que o cambio climático é unha oportunidade única de negocio pra as empresas. Algo que pode supor tamén un problema na loita contra o quecemento global, xa que todos sabemos que, se se vai loitar contra o cambio climático polos beneficios, con toda posibilidade as tecnoloxías que se usen e as políticas que se desenvolvan, irán cara a eses beneficios que produzan, máis que a efectividade que xeren. Ademais tamén fixeron moito fincapé, tanto eles como Feixoo, na eficiencia enerxética para loitar contra o quecemento da terra. É necesario sinalar que o futuro da humanidade, o futuro do planeta do que somos responsábeis e as solucións, virán da comunidade científica. Isto é indubidábel. Mais o primeiro que hai que esixir aos científicos é rigorosidade e obxectividade nos seus discursos.
 Porque facer bandeira da eficiencia enerxética como instrumento para loitar contra o cambio climático, sería bo se a enerxía que se consumise fose enerxía limpa, como mínimo nun 80%. Mais a realidade é que este 80% de enerxía que hoxe en día se consume no planeta, é enerxía de orixe fósil. É dicir, aínda que fagamos trebellos máis eficientes que consuman menos enerxía, o cal sempre está ben, mais, ao mesmo tempo, se hai un maior consumo destes aparellos e cada certo tempo aparecen novos aparellos que necesitan da electricidade, a eficiencia enerxética queda anulada. Por poñer outro exemplo; cada vez fabrícanse coches máis eficientes e que consumen menor cantidade de combustíbel, e ao mesmo tempo, as multinacionais do ramo, ano tras ano, fan coches máis grandes con motores máis potentes, as administracións favorecen e promoven o uso do coche particular como medio de transporte, co cal se venden cada vez máis coches e úsanse máis. Entón, a eficiencia enerxética non é a solución.
Outro aspecto no que fixeron fincapé neste paripé do PP de Galiza, foi o desenvolvemento sostíbel. Algo no que a primeira pregunta que debemos facernos, se me permite o lector, é que entendemos por desenvolvemento sostíbel. Se por desenvolvemento sostíbel entendemos sanidade universal, educación de balde en todos os seus tramos, acceso universal á vivenda, coidado do medio ambiente, alimentación sa e equilibrada para todos os habitantes do planeta, entón si que o desenvolvemento pode ser sostíbel. Mais se, polo contrario, entendemos por sostíbel o modelo actual de desenvolvemento, onde o crecemento se fundamenta na extracción intensiva dos recursos naturais para satisfacer as nosas sociedades de consumismo (e digo consumismo non consumo), a racionalidade dinos que non é posíbel. Soamente se todos os habitantes do planeta consumiren o que consume un cidadán medio do Estado español, necesitaríanse case dous planetas. Porque alguén pode pensar que o que quere o FMI, que o PIB mundial suba ata os173 mil millóns de $ para o 2050, cando no ano 2000 non chegaba aos 50 mil millóns $, isto pode facerse sen que o planeta se desangre. Porque o sentidiño di que un planeta finito é incompatíbel cun crecemento infinito.
Xa para rematar, é fulcral que os cidadáns cambiemos os nosos hábitos e as nosas pautas de consumo en moitos aspectos das nosas vidas, mais é un deber da clase política, pór enriba da mesa un novo sistema socio- económico se queremos que os nosos descendentes sigan habitando a terra. Porén, en alusión ao discurso de Feixoo e as súas prometedora políticas contra o cambio climático, como dicía Montaigne: se a mentira tivese nada máis que unha cara, como lle ocorre á verdade, saberíamos moito mellor onde estamos, porque poderíamos dar por certo o contrario do que o mentireiro nos di. Mais, por desgraza, o reverso da verdade ten mil formas e un campo ilimitado.

O demagogo ilustrado

Te puede interesar