Hoxe empezamos, mañá continuamos

Este  8 de marzo está convocada na Galiza, unha folga de mulleres, debido a que aínda na actualidade o rol da muller na sociedade está en total desvantaxe e é totalmente pexorativo en moitos aspectos en relación ao rol do home. O pouco que se avanzou desde mediados- finais do século pasado, deu un retroceso moi significativo tras a derradeira crise do capitalismo. Ao mesmo tempo, os sectores marxinais, falo desde o punto de vista ideolóxico, (refírome en concreto aos defensores do novo nacional-catolicismo) levan tempo a facer un traballo de formiga, sen que ninguén os incomode e andan a recoller ultimamente os seus bos froitos. 

Cabe sinalar que, hai cousa de uns días, en Andalucía, a ultradereita acaba de pedir ás súas socias-os do PP no parlamento andaluz  que lle faciliten os nomes e toda a información das traballadoras-es que desde principios da década pasada, traballaron nos casos de violencia de xénero, acusándoos de estar fortemente ideoloxizadas e emitir informes nesgados, en beneficio das mulleres que sufriron o maltrato. Unha ultradereita á que se suma nas súas posicións no tema da muller o PP e Cidadáns. Se non só hai que mirar as declaracións do Sr Casado no referente ao aborto, principal causa, segundo este, de que non haxa cotizantes  no estado español; declaracións máis propias de ser vistas nunha película de Berlanga  que na boca dun suposto político de nivel. Un “trifachito”, repito,  que pretende volver aos tempos onde as rapazas había que preparalas para ser boas esposas e nais no seo do fogar, función encomendada, segundo estes, polo Todopoderoso ao xénero feminino. 

É indubidábel que o cabeza de familia neste modelo arcaico é o home, que é quen sostén,  protexe e dirixe a familia, axudado, xa que e o seu deber, pola servil e submisa ama de casa, é dicir, a esposa.  Porque a ideoloxía patriarcal o que fai é negar a igualdade entre homes e mulleres, a pesar de que se intentase e intente disfrazar e sobre todo pór en valor que a muller ten a marabillosa misión encomendada de ser esposa e nai.

Mais o traballo que está a facer o patriarcado nestes últimos tempos, xa que é a nível mundial, é mais sutil que todo isto. So temos que ver as TV, radios( musica comercial), Internet ou revistas de adolescentes, revistas onde o éxito das rapazas vén dado se casas, tes fillas-os e estás á moda, para darnos conta de que o papel que xogan as mulleres nestes medios, está afastado de ser un papel san, verdadeiro e en igualdade de condicións  ao papel que xoga o xénero masculino. 

Hai uns días morría un gran deseñador da moda,  eloxiado por todos os medios de comunicación e dirixentes políticos, sobre todo franceses. Un home que posibelmente  se dedicaba,  igual que a maioría dos deseñadores de alta costura, a buscar as súas modelos nas clínicas privadas para tratar a anorexia de London e San Francisco. 

Estes ídolos e xenios da alta costura, atrévome  a afirmar, aínda que con certa prudencia, xa que non coñezo ningún estudo psicolóxico deste colectivo, que na súa maioría son  misóxinos, están a xogar, repito, un papel totalmente denigrante no tema da muller, abocando a centos de milleiros de adolescentes a levar a cabo condutas insás, para conseguir uns corpos cunhas medidas afastadas da realidade do mais do noventa por cento das mulleres do planeta. 

Tamén poderiamos falar das mulleres doutras latitudes, como por exemplo as afroamericanas, as cales contan cun dos cabelos, que non sería unha tolemia pedir que fose declarado patrimonio da humanidade e que por motivo da moda e do negocio e que estes poñen en valor os cabelos indoeuropeos, cabelos os cales non son máis que unha mestura do cabelo africano e asiático está a facer que unha parte importante das afroamericanas estean poñendo en perigo a súa saúde e a súa vida, para conseguir ditos cabelos.

Mais noutros campos como o concernente á economía, nos últimos informes correspondentes ao ano 2016-2017, xa que o do 2018 non está aínda na rede do ESADE Gender Monitor, informes que falan das barreiras das mulleres directivas no sector privado español, afirman que a desigualdade salarial aínda que baixou do 40% ao 33% segue a ser percibido como a principal barreira de xénero na empresa. 
A dificultade para conciliación e a falta de recoñecemento nas tarefas realizadas (aumentou no 2017 dun 7% ata case o 30% en comparación co 2016) é outras das importantes barreiras de xénero percibidas nas empresas españolas . 

Porque todo isto non é máis que unha agulla no palleiro da realidade feminina, en comparación coa realidade masculina. E aínda que se avanzou e o feminismo acadou certos dereitos, ao pór no tapete da mesa as desigualdades, estes, como di Simone De Beauvuoir, foron conquistas cedidas polos homes. Por isto é fulcral que a muller, se quer ter e estar en igualdade de condicións cos homes, algo que é de xustiza, necesita ter como mínimo, as mesmas cotas que os varón no referente a toma de decisións do poder. 

Por todo isto é moito máis este 8 de marzo, as mulleres debedes ateigar as rúas e parar os centros de traballo para dar a  batalla. 

Mais isto non pode soamente quedar nunhas datas sinaladas. Porque a igualdade de xénero será conquistada co traballo diario en todos os ambientes e terá que ser conquistada por vosoutras as mulleres, desde a nai ama de casa, ata a catedrática na USC, pasando pola muller da limpeza ou a directiva do banco. E para isto, como dicía Castelao,  faravos falla ter claro e discernir entre estratexia e táctica para conseguir algo básico, como é a igualdade.

Xa para rematar, dicía Benazir Bhuto na súa autobiografía, antes de ser asasinada, e cito textualmente: “Na sociedade moderna a muller non o ten doado onde queira que viva. Aínda termos que recorrer unha milla extra para demostrar que somos iguais aos homes. Temos que traballar máis horas e facer mais sacrificios, ademais de protexernos emocionalmente dos ataques inxustos e con frecuencia crueis dos homes da nosa propria familia.Sen embargo, máis que queixarnos da discriminación, as mulleres debemos aprestarnos a anulala”. Rachemos co patriarcado.

Hoxe empezamos, mañá continuamos

Te puede interesar