As festas da desigualdade

E xa pasou de novo o Natal. Unha festa cuxa orixe está na celebración do solsticio de inverno relacionado coa agricultura e que o cristianismo fixo como propria xa hai uns cantos séculos. Unha festa na que, outrora, as familias reuníanse,  o cariño mutuo reinaba e onde os nosos maiores tiñan un papel predominante na toma das decisións familiares. Máis dende hai xa moitos anos esta festa, posibelmente a máis importante do ano, deixou de ser unha festa da confraternidade, para ser unha festa onde o que impera é o consumismo. O proprio Papa Juan Pablo II, o cal non se pode dicir que fose un Papa de esquerdas, chegou a criticar a perversión destas datas. Uns días, os do Natal, onde todas as cidades do primeiro mundo se encheron  de luces, pensadas estas, para invitar a gastar os cartos e onde as televisións non pararon de ofrecernos produtos de variada índole sobre todo aos máis pequenos. 
 Mais cal foi a realidade para moitas familias  en Galiza. Un país no que hoxe en día temos  un 22% de pobreza infantil e onde catrocentos setenta mil galegos e galegas viven por debaixo do limiar da pobreza. Porque cerca de trinta mil fogares na Galiza non teñen ningún tipo de ingreso e varios centos de miles nin sequera poden pagar o recibo da luz. Por non falar dos novos traballadores pobres, os cales son 1 de cada 5 ou o que é o mesmo, un 20% dos traballadores galegos que hai no país, preto de cento sesenta mil homes e mulleres. Destas, cerca de setenta mil galegas gañan menos de cinco mil euros ao ano e onde o xénero feminino na Galiza é o mais afectado deste novo tipo de contratos. Porque as reformas do mercado do traballo do PP-PSOE fixeron posíbel isto. Mentres que en Europa os traballos a tempo parcial se usan sobre todo para estudantes e para favorecer a conciliación familiar, no Estado español son a maioría de contratos que ofrecen hoxe en día os empresarios. Salarios por debaixo do salario mínimo, mentres o noso presidente, o Sr Feixoo, acaba de subirse o soldo nada mais e nada menos que un 7.5%. Ben, el di que non se sube o soldo,  que é o que perdeu pola conxelación os anos pasados. Pasará a cobrar case uns setenta e catro mil euros. Mentres desde o PP- PSOE se nos di que termos que vivir con salarios de setecentos e oitocentos euros  no mellor dos casos. 
Porque que país é este onde un deputado do Estado español ten unha  dieta para comer de case novecentos euros e  sen embargo o salario mínimo interprofesional da clase traballadora non chega aos setecentos euros e preto de seis millóns de traballadores no Estado na actualidade, non alcanzan a cobralo. Nós temos que axustar a nosa vida e moldearnos a setecentos euros, mentres Feixoo  sobe se o soldo preto de seis mil euros sobre xa un salario de máis de sesenta mil euros. E sen embargo as nosas viúvas e pensionistas, os cales viron minguadas as súas pensións e viuvez estes derradeiros anos, fanlles unha subida do 0.25%, o que lles vai supor entre un euro cincuenta e dous euros no mellor dos casos. Unhas pensións e viuvez que xa son as máis baixas do Estado, mentres que, o custe da vida no conxunto do Estado está practicamente igualado. Pensionistas e viúvas moitos deles que están a soster os seus fillos e netos con menos de oitocentos euros ao mes,  facendo que as bolsas de pobreza non medren.
En definitiva, este Natal van ser unhas datas moi duras un ano máis, para moitas familias na Galiza e onde as desigualdades estiveronmoi presentes á hora de celebrar estas festas. Mais sería bo que este ano, o noso Apalpador, trouxera un pouco de cabeciña aos nosos dirixentes actuais para que, empezasen a facer as cousas con sentidiño, deixando de lado os egoísmos persoais e os afáns de riqueza e grandeza proprios. Sería bo que os dirixentes actuais da Galiza e do Estado español, investisen en economía produtiva, que é a que xera riqueza, quer aos cidadáns quer ao país, que se aumentase o gasto social da infancia o cal no Estado español é a metade do gasto que fan países como por exemplo Francia, tendo este menos da metade de pobreza infantil que nós, que aumentase a contía e a duración das prestacións por desemprego, que se puxese dunha vez o salario mínimo en torno aos mil euros ou por exemplo, que se puxese a todo cidadán unha renda básica, a cal, segundo a maioría dos economistas é posíbel sen necesidade de expropiar aos que son insultantemente moi ricos para que deste xeito, todos poidamos celebrar este 25 de decembro en alegría e sobre todo, para que todas as noites do ano sexan noite boa para todas as familias galegas e do resto do planeta. Máis con certeza ao sr. Feijóo este natal non lle faltou na mesa o excelente  e carísimo vino Vega Sicilia.

As festas da desigualdade

Te puede interesar