10-N. Pensar en nós

Comezo este artigo, ao cal  lle puxen o título copiado dun artigo de Guillerme Vázquez (galego bo e xeneroso) hai unhas semanas no semanario Sermos Galiza, dicindo que se o pensamos ben somos unha sociedade opulenta, o cal  fixo que a clase traballadora se durmise na súa propria comodidade. Hoxe en día só nos preocupa ter capacidade de consumir e ata que non nos tocan a cada un o traballo, estamos moi cómodos. Porque non nos estamos a dar de conta, que os logros conseguidos polas nosas nais e avoas, non teñen o selo de intocábeis para o poder, como puidemos comprobar nesta derradeira crise, ou máis ben, como denominan xa moitas intelectuais, colapso. Porque cousas tan básicas como que teñamos médica, servizos de enfermerías a diario, que o prezo dos produtos básicos custen máis ou menos, que a clase traballadora estea protexida cando perde o emprego, que os nosos barrios teñan accesibilidade ou zonas verdes, que o pequeno comercio poida vivir con dignidade, que as viúvas galegas e as pensionistas teñan pagas dignas que lles permitan vivir airosamente, que nas nosas rúas haxa unha boa iluminación polas noites ou que se afronte con valentía, poñendo solucións reais e non palabras maquilladas, as cales só significan continuísmo no referente ao colapso medioambiental que está a sufrir a Terra, todo isto e moito máis, depende do que nas eleccións o povo traballador vote. É dicir, todo isto depende da política e dos que a fan: “os políticos”.

Dito isto, cómpre sinalar que a realidade galega, a realidade socio económica é tremenda, cuns problemas que tardarán anos, aínda que apliquemos as políticas adecuadas, en se  resolver. A maioría dos nosos servizos básicos, dos nosos servizos públicos e sociais, está nunha situación moi deteriorada, como todas nós, as que non estamos alienadas e temos unha actitude critica, podemos comprobar. Desde a sanidade, pasando pola dependencia, a industria, a educación, os nosos sectores produtivos, o noso rural, a cultura, a lingua, ecétera, todo esta sub-subexistindo, grazas á resiliencia do povo galego. As políticas destes dez anos de Feixoo no poder fixeron tanto dano que nin o Sr. Iribarne se houbese atrevido a aplicar nos seus mellores tempos.

Mais, se un mira ao redor o que outras forzas, refírome ás que teñen a súa sede central en Madrid, quer as de Castela a Vella quer as de Castela a Nova, ofrecen, é mais do mesmo, sobre todo nun tema clave para Galiza: a financiación. Porque este é o problema principal que ten Galiza, que non somos donos dos impostos que pagamos. Case todos os últimos anos Galiza perdeu con este sistema de financiación lesivo para nós, varios miles de millóns de €. Vostede pódese imaxinar, como poderímos afrontar o colapso económico que sufrimos, se tivermos na caixa  entre 5-6 mil millóns de € máis. Porque se Galiza fose un país onde o nivel de vida da súa poboación fose o óptimo, a mocidade en idade de traballar e empezar a crear riqueza non tivese que emigrar, etcétera...,  podería entenderse que a xente non lle importase perder ano tras ano esa morea de cartos, mais a realidade é que o noso povo atópase nunhas condición de tremenda urxencia, onde a xente moza é forzada e digo ben, forzada a emigrar e a xente que decide quedar, moita dela está nunhas condicións de sub-sobrevivir moi duras. Porque se non fose que noso esquema de familia como povo  que somos fose o que é, as colas da fame que vimos en moitos sitios e que con certeza aínda existen, serían algo diario na nosa terra.

Por todo isto, é fulcral que o próximo 10-N o proletariado, as labregas e as pequenas burguesas galegas, pensemos na Galiza  en primeiro termo, para que xente Galega de pensamento e acción como Néstor Rego, Olalla Rodil, Carmen  da Silva ou Francisco García, todas elas do BNG, estean ocupando escano no Congreso dos deputados os próximos catro anos, defendendo os intereses e dereitos do noso gran país, o cal está desaparecido desde que o nacionalismo non ten presenza neste espazo. Cómpre sinalar que o que fai país e defende as súas xentes non é so a defensa de ALCOA ou pedir a reindustrialización de As Pontes, algo no que indubidabelmente hai que estar, máis hai que estar non só ou non principalmente pola resonancia do caso nos mass media e socialmente ou se vostede quere pola foto, como tanto lles gusta a Carapuchiña vermella e compañía. O que fai pais é pedir desde becas para o ensino superior galego, arranxe de estradas secundarias de titularidade estatal, pedir a universalización dos servizos de transporte e comedor, como a gratuidade dos libros de texto no ensino infantil e obrigatorio, pedir a mellora da vía férrea (dobre vía) entre Ferrol e Xuvia, esixir medidas para evitar os accidentes pesqueiros que sufrimos tan a miúdo na nosa terra, maior autonomía e capacidade de xestión dos aeroportos galegos, e podería estar deste xeito citando multitude de iniciativas e solicitude de comparecencias, para o cal faríanme falla varias follas de “Word”, que o nacionalismo galego levou a cabo, dende que tivo, por finais dos noventa do século pasado, representación no Congreso dos Deputados. 

En definitiva, este 10-N á hora de votar, debemos pensar na Galiza, debemos pensar na terra onde vivimos, onde queremos criar as nosas crianzas, onde queremos ver crecer as nosas netas, onde disfrutaremos  das nosas mellores amizades, dos nosos traballos, onde disfrutaremos do noso tempo de lecer, onde sufriremos eses días persoais tan escuros e dignos de esquecer, onde queremos pasar a nosa vellez, onde en definitiva, pasaremos esta loita diaria que é a vida na terra, na que, se Adán e Eva existiron, con certeza, Galiza é o paraíso. Mais se o desarraigo triunfa, non importará. Non importará,  “porque sendo triste o amor que non é correspondido, é máis amargo a traxedia para aquel que sendo amado, é incapaz de amar” (Bautista Álvarez)

10-N. Pensar en nós

Te puede interesar