Voces que advertiron dos males da globalización

A crise do ano 2008 deixou tocado o proceso de globalización, xa que o axuste aumentou a desigualdade e precariedade, o poder das corporacións, e a acumulación de riqueza nun reducido número de grandes fortunas. Por se non abondase tamén se afondou a confrontación entre potencias, e fíxose máis evidente a ruptura do equilibrio da humanidade coa natureza, das que o cambio climático e a actual pandemia son exemplos que non se poden obviar. Agora ben, non era impensábel que estas foran as consecuencias, daquela que dende finais do ano 1999, xa en Seattle  manifestáronse 40.000 persoas contra o cumio da Organización Mundial do Comercio, unha das institucións que empurraban pola globalización neoliberal. 

As protestas repetíronse ao ano seguinte en moitas cidades de todo o mundo, entre elas Washington, Xenevra, Melbourne, Praga, Niza, Xénova... En Praga a mobilización anti-globalización realizouse en setembro do ano 2000 en resposta aos encontros do Banco Mundial e do Fundo Monetario Internacional e salientou polas impresionantes medidas de seguridade, xa que o Governo despregou a 11.000 efectivos. No caso de Niza, a protesta foi organizada pola Confederación Europea de Sindicatos reivindicando unha “Europa Social”, co gallo da reunión dos xefes de estado e de governo da Unión Europea no mes de decembro. 

Aínda que sería a manifestación de xullo de 2001 en Xénova, onde se realizou un cumio do G-8, a que acadaría máis eco internacional pola dureza da represión policial. Á cidade foron enviados 20.000 efectivos das forzas de seguridade e militares. Na maior das mobilizacións participaron unhas 250.000 persoas. O disparo de militares sobre un manifestante, ao que xa no chan pasoulle por riba dúas veces o Land-Rover policial amosou a dureza da represión. Foron feitos e imaxes que deron volta ao mundo, deixando en evidencia métodos asociados á expansión do neoliberalismo. 

Un dos feitos máis destacados do movemento anti-globalización foi a constitución do Foro Social Mundial, cuxo primeiro encontro fíxose na cidade brasileira de Porto Alegre en xaneiro de 2001 (así como nos anos seguintes). O FSM pretendía abrir a reflexión e o debate sobre os acontecementos da última década e a construción dunha alternativa de esquerda, dende abaixo, así como unha nova internacional. Son antecedentes que non se deberían esquecer cando se analiza a actual crise económica, social, sanitaria, climática, e mesmo política, á que nos levou este sistema. Non se pode dicir que non existiu advertencia previa.

Voces que advertiron dos males da globalización

Te puede interesar