A verdadeira cara da globalización neoliberal

Na súa derradeira entrevista o prestixioso economista exipcio Samir Amin, falecido o 12 de agosto deste ano, destacaba que “o sistema ollaba o fascismo como resposta a súa crecente debilidade”. E vendo as confrontacións actuais na disputa económica, política e militar entre Estados Unidos e aliados, por unha banda, e Rusia e China pola outra, así como os enfrontamentos internos na Unión Europea, o medre da desigualdade e os conflitos sociais en ascenso, así como o xiro á dereita electoral en países moi significados de todos os continentes, todo indica que tiña razón. 

Este avance da dereita estrema está favorecido por unha esquerda que carece de proxecto alternativo ao capitalismo neoliberal. A esquerda, mesmo a maioría da antisistemica, secundarizou nas súas propostas todo o relacionado coas condicións laborais, os salarios, o fortalecemento do sector público e o cooperativismo, e agora as súas políticas están centradas nas reivindicacións das minorías, nas ecolóxicas e de xénero. A socialdemocracia coincide co capital na cuestión emigratoria, e en que este xestione boa parte dos servizos públicos. O debate ficou reducido ao aumento limitado ou á rebaixa da presión fiscal ás grandes fortunas e corporacións, para garantir servizos públicos básicos e axudas á franxa máis empobrecida.

Como resposta a este contexto, temos a revolta social en Francia contra as políticas económicas e sociais regresivas, que mergullan a sectores moi amplos da sociedade na pobreza mesmo traballando, e utilizan os recursos do Estado para favorecer ás grandes empresas e fortunas e impoñer a disciplina laboral e social. A dureza da represión policial, con milleiros de persoas detidas e centos de feridas, demostra que os dereitos democráticos perderon todo valor, malia que as protestas contan cun 70% de apoio popular. Non se pode falar aínda de fascismo, mais Macron fai gala de soberbia e de autoritarismo, ignorando e esmagando a vontade popular. 

Que mecanismos democráticos ten o pobo para corrixir actitudes que atacan dereitos fundamentais? Por que a Unión Europea, que dá tantos consellos e impón sancións tan duras, non intervén? Non será que coincide coa man dura e ignora a vontade popular? Brexit, sometemento a Washington, explotación e opresión,... A UE do capitalismo neoliberal está na súa fase senil. E isto non se soluciona con criminalización e represión, tampouco con autoritarismo nen con pequenas cesións conxunturais como as anunciadas por Macron. Os cambios teñen que ser sistémicos.

A verdadeira cara da globalización neoliberal

Te puede interesar