Un novo ciclo

Semella que se abre un novo ciclo político no Estado español (EE). Será deste xeito por mor da fragmentación política, da complexa investidura de Pedro Sánchez, e dun programa que implica unha viraxe á esquerda, mais que todo fai pensar non afectará as bases do sistema. Súmaselle que se trata dun goberno compartido, que necesitará en boa medida do apoio do bloque soberanista, e que confrontará cunhas clases dominantes (e de partidos que as representan) que se negan a facer a máis mínima concesión laboral e social. O capitalismo, malia a súa crise como sistema, segue a apostar como única alternativa por aumentar a centralización e concentración da riqueza e do poder, xa que a correlación de forzas élles favorábel e usan a escusa de que as liortas inter-imperialistas non lle deixa outra opción. 

As eivas e atrancos do novo goberno son evidentes. Porén non se pode obviar que, por máis que a dereita pretenda centrar o debate na cuestión territorial, como expresión de sentimentos e unha visión deformada, a súa capacidade para manter viva esta discusión perderá espazo fronte á preocupación respecto das medidas que lle dean solución aos problemas cotiás da maioría social. Ou sexa, depende de que a coaligazón PSOE+UP sexa quen poñer en práctica, con axilidade, medidas que dean resposta a temas como a derrogación da reforma laboral e da Lomce, aumento do salario mínimo, actualización das pensións, transición para as centrais térmicas e saídas para as empresas electrointensivas, constituír unha mesa de dialogo sobre a problemática con Cataluña, etc.

Hai outros aspectos, como os relacionados coa igualdade, ecoloxía, dependencia, sanidade, co carácter plurinacional do Estado, etc, que tamén son fundamentais. Todos eles tratados como un conxunto teñen a virtualidade de centrar as expectativas da maioría social. 

Non coincido con aqueles analistas que consideran que o soberanismo (sexa catalán, vasco ou galego) non ten un interese máis que circunstancial sobre a gobernabilidade do Estado. Se fose así non se entende o voto positivo do PNV e BNG, e a abstención de ERC e Bildu. Ao soberanismo non lle dá igual quen goberne no Estado, non só en relación cos dereitos nacionais dos seus países, senón tamén polas políticas que en materia económica, laboral, social, internacional, etc. se leven adiante por parte do Goberno central. As políticas do Estado español e da UE aféctannos, tamén as das grandes potencias. Agora ben, no tema tratado, a cuestión realmente transcendente é que se abra un ciclo de progreso.

Un novo ciclo

Te puede interesar