Un capitalismo senil

Aaprobación da rebaixa do imposto de sociedades do 35% ao 20% polo Congreso norteamericano terá consecuencias directas sobre as clases populares, cunha redución das prestacións publicas aos sectores máis vulnerábeis. 
Nesta potencia militar e económica, a sanidade non ten un carácter universal, nen as pensións están garantidas para todos os/as asalariados. Ademais, hai que ter en  consideración que Trump aprobou un aumento do gasto militar, e pretende realizar un xigantesco investimento en infraestruturas.
Aínda que para este último obxectivo conte co capital privado, con consecuencias indirectas sobre o gasto dos usuarios en transporte, Washington tamén terá que facer unha importante achega. Algúns analistas consideran que despois da redución de impostos ás empresas, os números do orzamento non encaixan para levar adiante estes proxectos. Será isto un factor decisivo para que as empresas industriais regresen ao país, como Trump ten prometido?
O outro factor que se debe ter en conta, é o das repercusións externas. Nun mundo globalizado, débese esperar un efecto dominó no resto dos países, comezando polos competidores directos, e que se estendería despois ao resto. Todo en beneficio das corporacións e grandes fortunas. Existe un escenario favorábel e esta tendencia por mor da confrontación entre potencias. Polo tanto esta medida dará folgos a unha maior concentración da riqueza e do poder, e como contrapartida, a un medre da pobreza e da desigualdade social e territorial. A lei de iniciativas empresariais de Núñez Feijóo vai nesta onda. É un adiantado nesta tendencia.
Estas medidas regresivas vense favorecidas polos avances técnicos, especialmente na área da información, cando a súa finalidade debera ser a construción dun sociedade máis igualitaria. Tamén axudan neste recuar, o medre do “circo romano” para canear o descontente, e alimentar a fragmentación da sociedade, mediante un multiculturalismo simplista e a negación das clases. Todo isto debuxa un capitalismo na súa etapa senil. 
Daquela que urxa recuperar o papel das clases populares como protagonistas da historia, da solidariedade, da soberanía, da paz e da xustiza.
 

Un capitalismo senil

Te puede interesar